A Comisión Europea advirte, en resposta ao eurodeputado galego, que “adoptará todas as medidas necesarias” para velar polo cumprimento da normativa comunitaria
Casares sostén que a contaminación do río Limia “é unha urxencia ecolóxica que se está convertendo nun problema de saúde pública”
Lamenta que a veciñanza teñan que recorrer á xustiza cando existe un dano ecolóxico flagrante que afecta gravemente á vida das persoas
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, emprazou hoxe á Comisión Europea a manter a presión sobre a Xunta de Galicia para que se resolva “canto antes” a situación do encoro das Conchas. Casares valorou a resposta dada polo Executivo comunitario a unha pregunta parlamentaria que presentou recentemente e na que a comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall, advirte que “adoptará todas as medidas necesarias dentro das súas competencias para velar polo cumprimento de todas as obrigas legais” derivadas da lexislación comunitaria no encoro ourensán.
A resposta da Comisión Europea prodúcese poucos días despois de que González Casares se desprazara ata o encoro das Conchas para coñecer de primeira man a situación que sofre a veciñanza. Durante a visita, estivo acompañado pola deputada Carmen Rodríguez Dacosta; o senador Rafa Villarino; o alcalde de Entrimo, Ramón Alonso; o secretario xeral do PSdeG da provincia de Ourense, Álvaro Vila; e o concelleiro socialista de Lobios e voceiro da executiva provincial do PSdeG, Patrick Rodríguez; ademais doutros cargos socialistas.
“O nivel de contaminación que observamos fala dun incumprimento, necesariamente grave, da Directiva de calidade das augas. A Xunta de Galicia é a autoridade encargada de ter conta do estado das augas na comarca e debe tomar as accións necesarias. O Ministerio de Transición Ecolóxica aprobou en 2022 un Real Decreto para a creación de Zonas Especialmente Vulnerables. A Xunta de Galicia apura os prazos e resístese a tomar medidas nun problema do que é perfectamente consciente”, apuntou o eurodeputado socialista.
Precisamente, eses incumprimentos recoñézoos a Comisión Europea na resposta á pregunta parlamentaria formulada por Casares, na que salienta o “estado xeral peor que bo” do encoro, así como a súa “eutrofización” polo que “recentemente” reclamaron “medidas para resolver a situación en consonancia cos requisitos legais”.
Para o eurodeputado, “o importante é que se tomen medidas que permitan a convivencia da actividade agraria co desenvolvemento da comarca”. “Hai unha afectación grave aos espazos naturais, ao patrimonio histórico -o xacemento de Aquis Querquennis, entre outros restos, está inundado de auga putrefacta- e á calidade de vida da veciñanza, ademais de verse prexudicada á actividade turística da comarca, que é de gran relevancia”, insistiu Casares; para quen a gandería do século XXI precisa de “garantías ambientais”. “Esta situación parte dunha desatención das obrigas da Xunta, mais non podemos esquecer a parte que toca ás actividades gandeiras intensivas", engadiu.
“A Xunta de Galicia ten que entender que xa non lle vai ser posible mirar cara outro lado neste asunto, urxe tomar medidas serias”, remarcou o socialista.

