Casares abre o novo curso do Seminario Europa cunha advertencia sobre o regreso dos “deuses fortes”

O eurodeputado socialista defende o fortalecemento do proxecto da UE, baseado nos valores democráticos e liberais, ante o “retorno dos deuses fortes”

“Europa ten que defenderse mellor, pero non a costa da súa dimensión social que é unha aposta pola igualdade. Non podemos vender a nosa alma a Trump por uns misís máis”

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares inaugurou esta tarde o curso 2025-2026 do Seminario Europa, organizado polo Ateneo de Santiago en colaboración coa Asociación Federalista de Galicia, cunha conferencia titulada A Unión Europea ante os novos deuses fortes, centrada nos retos que afronta o proxecto europeo nun contexto internacional marcado pola polarización, o avance das forzas reaccionarias e a crecente presión xeopolítica.

Na súa intervención, Casares alertou de que a actual inestabilidade global está a poñer en risco os fundamentos da democracia liberal e o modelo de integración europeo. Subliñou que a resposta pasa por afondar na cooperación e na unidade entre os Estados membros, advertindo de que “unha Europa dividida será máis vulnerable fronte a actores como Trump, Putin ou Xi Jinping, que apostan pola fragmentación da UE para reforzar o seu propio poder”.

Desde unha óptica claramente europeísta e progresista, o eurodeputado defendeu a necesidade dunha maior integración política e económica como única vía para facer fronte aos desafíos comúns. Reivindicou tamén unha resposta socialdemócrata firme, capaz de ofrecer solucións concretas aos problemas que alimentan o malestar social e a desafección política. Nese sentido, considerou fundamental avanzar cara ao federalismo europeo, derrubar as barreiras internas do mercado único e acelerar a transición ecolóxica como eixo estratéxico da autonomía europea.

Ao longo da súa análise, Casares puxo o foco na deriva reaccionaria que se está a dar dentro e fóra das institucións europeas. Sinalou que as forzas populistas actúan como verdadeiros “cabalos de Troia” no Parlamento Europeo, desestabilizando e intentando arrastrar ás dereitas tradicionais cara a posicións extremas. Criticou tamén a tentación de refuxiarse en discursos de soberanía nacional como resposta aos retos globais, lembrando que só a escala continental a UE pode competir con potencias como Estados Unidos ou China.

A intervención baseouse nunha reflexión crítica sobre os valores que sustentan o proxecto europeo. Partindo do ensaio El retorno de los dioses furetes: Nacionalismo, populismo y el futuro de Occidente, de Russell Reno, Casares contrapuxo a idea dos “deuses fortes” —valores absolutos como a nación, a relixión ou a patria— ao modelo europeo construído trala Segunda Guerra Mundial, baseado en principios máis abertos e humanistas. Para o eurodeputado, o fracaso á hora de explicar e defender eses valores “febles” está a alimentar o retorno de discursos excluíntes e autoritarios.

Nesta liña, o socialista defendeu que “ante o retorno dos deuse fortes” a UE debe fortalecer o seu proxecto: “A verdadeira fortaleza de Europa non son os deuses fortes, son os valores democráticos e liberais, a colaboración e o multilateralismo”. “Europa ten que defenderse mellor, pero non a costa da súa dimensión social que é unha aposta pola igualdade. Non podemos vender a nosa alma a Trump por uns misís máis”, engadiu.

O acto, celebrado no Ateneo de Santiago, supuxo o inicio dun novo ciclo de debates sobre o futuro de Europa desde Galicia, consolidándose así o Seminario Europacomo un espazo de reflexión e encontro entre a cidadanía e voces clave da política europea.