O eurodeputado socialista, xunto a Tilly Metz, pediu á presidenta do Parlamento, Roberta Metsola, reforzar as normas internas para limitar a influencia da industria do tabaco e a nicotina
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares promoveu, xunto a Tilly Metz (Greens/EFA), unha carta dirixida á presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, na que solicita reforzar as normas internas da institución para limitar a influencia da industria do tabaco e a nicotina na toma de decisións europeas.
A iniciativa conta co respaldo dun amplo grupo de eurodeputados e eurodeputadas dos grupos S&D, Greens/EFA, Renew e The Left. González Casares agradeceu publicamente este apoio e lamentou o silencio do Partido Popular europeo: “Isto non vai de siglas, vai de saúde pública”.
A carta prodúcese tras coñecerse que en menos de dous anos rexistráronse 257 reunións entre representantes do lobby do tabaco e o Parlamento Europeo, un dato que, a xuízo do eurodeputado galego, evidencia un acceso desproporcionado da industria nun momento clave para a revisión da lexislación europea.
A petición expón que o Parlamento cumpra plenamente co artigo 5.3 do Convenio Marco para o Control do Tabaco da Organización Mundial da Saúde (OMS), que obriga a protexer as políticas públicas de saúde fronte aos intereses da industria tabacalera. Segundo o último informe global da OMS, Europa é a rexión peor posicionada do mundo en control do consumo de tabaco, precisamente cando se aproximan revisións clave como a Directiva sobre Produtos de Tabaco e a Directiva sobre Impostos do Tabaco.
González Casares alertou ademais do aumento preocupante do consumo de cigarros electrónicos e outros produtos de nicotina entre a xuventude. “A industria reivéntase co vapeo e novos formatos, cores e sabores, pero o modelo segue sendo a adicción. Estamos a ver niveis preocupantes de consumo de nicotina entre os mozos. A lexislación europea debe protexer á próxima xeración, non abrir a porta á influencia da industria”, sinalou.
Neste contexto, o eurodeputado defende reforzar os requisitos de transparencia, garantir que calquera reunión coa industria sexa estritamente necesaria para fins regulatorios e asegurar a publicidade total e detallada de todos os contactos mantidos. “Non pode haber desequilibrios no acceso. Nun momento en que se revisan as principais leis sobre tabaco na UE, debemos asegurar que as decisións se guíen exclusivamente pola saúde pública, non por intereses comerciais”, afirmou.
Así mesmo, ambos os eurodeputados lembran que o Defensor do Pobo Europeo xa sinalou deficiencias similares na pasada lexislatura (caso OI/6/2021/KR), relativas á falta de rexistro de reunións e á ausencia dunha avaliación sistemática sobre a necesidade dos encontros coa industria en distintas Direccións Xerais da Comisión.
“Europa ten que decidir que modelo quere. Unha Europa que respire aire limpo… ou fume de lobby?”, concluíu González Casares.

