A aprobación da axuda permitirá cubrir o 85% do custe total das axudas destinadas aos traballadores afectados
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, manifestou a súa satisfacción logo de que o pleno da Eurocámara aprobara este mediodía unha contribución de 2.725.100 euros do Fondo Europeo de Adaptación á Globalización (FEAG) para axudar a traballadores recentemente afectados polos despidos no sector da automoción de Galicia.
Casares incidiu en que a aprobación desta axuda, que contou coa socialista española Sandra Gómez como relatora parlamentaria, vai permitir cubrir o 85% do custe total das axudas destinadas aos traballadores afectados, máis de 400, con especial incidencia na zona de Vigo.
O eurodeputado galego fixo fincapé en que os despidos se produciron nun contexto internacional complexo, cunha demanda europea inferior á prevista e afectado por perturbacións comerciais e nas cadeas de subministro, polo que valorou que instrumentos como o FEAG contribúan a crear unha rede de seguridade para os afectados.
Con todo, González e Gómez incidiron na necesidade de maiores investimentos para que a industria se adapte aos cambios estruturais e tecnolóxicos que está a atravesar para poder seguir creando emprego de calidade. “Os construtores europeos non poden seguir arrastrando os pés. A automoción eléctrica é o presente e o futuro do sector, unha solución responsable co medio ambiente e, sobre todo, cos petos dos cidadáns. Non podemos seguir ligando o futuro do sector a uns combustibles fósiles que non producimos e que están sometidos aos vaivéns de decisións como a ilegal guerra lanzada por Trump contra Irán. Por saber facer e capacidade innovadora, Galicia debe liderar a transición á mobilidade limpa”, concluíu.

