O eurodeputado galego considera que as empresas galegas de aluminio ou aceiro se beneficiarán da creación de “mercados tractores” para estes produtos
Advirte de “incoherencias” na proposta no que afecta o aceiro baixo en carbono, ao que non se esixe que sexa europeo
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, asegurou que a lei de aceleración industrial (Industrial Accelerator Act), proposta este mércores pola Comisión Europea, “abre novas oportunidades para impulsar o sector industrial e a economía de Galicia” ao apostar pola creación de “mercados tractores (lead markets)” para produtos como o aceiro ou o aluminio baixos en carbono, “nos que as empresas galegas están ben posicionadas”.
Tal e como sinalou Casares, a proposta de lei de aceleración industrial busca fomentar a recuperación do peso da industria no PIB europeo á vez que se descarboniza a economía, co obxectivo de pasar do 14% actual ao 20% en 2035. O regulamento fixa tres grandes eixos: acelerar permisos industriais; crear mercados tractores para produtos baixos en carbono e establecer un marco para que os investimentos estranxeiros directos xeren valor real en Europa.
Para o eurodeputado galego, entre os aspectos positivos da proposta atópase a esixencia de que se inclúan nas compras públicas contidos mínimos de produtos feitos en Europa, como o 25% para aceiro e aluminio ou o 5% para cemento baixo en carbono. “Esta esixencia pode supoñer un impulso á demanda de producións europeas, o cal redundará en maiores oportunidades para os produtos e servizos nos que empresas galegas como Alcoa ou Russula están ben posicionados”, indica.
Con todo, para González Casares a proposta adoece dunha clara incoherencia: mentres que nalgúns materiais -como o aluminio ou o cemento- se introduce o criterio de orixe europea, non é o caso no que afecta ao aceiro baixo en carbono, ao que non se esixe orixe na UE. “Na práctica, podería favorecerse aceiro baixo en carbono producido fóra da UE, mesmo en sistemas industriais que non soportan os mesmos custos regulatorios, sociais ou ambientais que a industria europea”, advirte o eurodeputado galego, quen sostén que para que a industria europea despegue “non basta con incentivar o baixo contido de carbono, tamén debemos garantir que o valor industrial permaneza en Europa”.
“Trátase dun grave erro da Comisión Europea que desincentiva ao aceiro limpo feito na UE”, conclúe Casares, para advertir que no trámite de emendas será necesario buscar un mellor equilibrio para impulsar a produción europea.

