Casares reclama un orzamento “ambicioso” para que Europa poida facer fronte aos “retos colosais” dun mundo que “arde”

Critica que a proposta orzamentaria da Comisión “socava o modelo social europeo mediante recortes profundos á cohesión, á agricultura, á pesca ou ao medio ambiente”

Enxalza o acordo parlamentario para dedicar máis de 7.000 millóns á pesca e recuperar a partida orzamentaria para o programa LIFE

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, reclamou esta mañá que, fronte aos “retos colosais” que enfronta Europa, a Unión Europea se dote dun orzamento “ambicioso” para afrontalos.

Durante a súa intervención no debate plenario sobre o futuro Marco financeiro plurianual 2028-2034, González Casares lembrou que un orzamento é a tradución das prioridades políticas en realidades económicas, contantes e soantes. Con todo, coa súa “apertada” proposta orzamentaria, a prioridade da Comisión foi “socavar o modelo social europeo mediante recortes profundos á cohesión, á agricultura, á pesca ou ao medio ambiente”.

A este respecto, lembrou que a Comisión Europea presentou un orzamento que recorta dous terzos os fondos para pesca, un 20% os orzamentos de cohesión ou agricultura e que elimina o programa LIFE ou o fondo Social Europeo.

“Cando o noso mundo arde por culpa de ditadores e autócratas, ou aspirantes a iso, a resposta de Europa non pode ser a rendición plasmada nun orzamento pensado para un mundo que non existe”, afirmou González Casares, quen contrapuxo á proposta da Comisión a “ambición” da proposta orzamentaria aprobada polo Parlamento, con máis de 7.000 millóns para a pesca (+265%), un 47% máis para agricultura e desenvolvemento rural ou a recuperación dunha partida específica para o programa LIFE.

Fronte aos “recortes” da Comisión, o eurodeputado galego enxalzou o acordo alcanzado polas forzas pro-europeas no Parlamento e que aposta por “unha política de cohesión reforzada, un impulso á soberanía alimentaria apostando polos nosos agricultores e pescadores, o maior fondo social da historia, avanzar na transición ecolóxica, o reforzo da competitividade e o fomento da presenza de Europa no mundo”. “Esa é a resposta do Grupo Socialista: avanzar por máis Europa, non por menos”, concluíu.