O eurodeputado socialista rexeita a votación do Parlamento Europeo que abre a porta a centros de detención e deportación de migrantes en terceiros países
“Ninguén en Galicia entendería que actuásemos como Trump, enviando persoas a centros de reclusión en terceiros países sen garantías de dereitos humanos”
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares denunciou hoxe que “o Partido Popular volveu aliarse coa ultradereita no Parlamento Europeo, desta vez contra os valores e os intereses de Galicia”, tras a recente votación sobre a reforma europea do retorno de migrantes, que referenda a posibilidade de habilitar centros de detención e deportación de persoas migrantes en terceiros países.
González Casares rexeitou frontalmente esta orientación política, que permitiría enviar persoas migrantes que entrasen ou permanecesen irregularmente na Unión Europea a centros situados fóra do territorio comunitario, en terceiros países como os citados no debate europeo, entre eles Albania ou Uganda. “Esta decisión é unha vergoña política e moral. É incompatible co que representa Galicia, unha terra marcada pola memoria de miles de galegos e galegas que tiveron que buscar fóra unha vida mellor”, afirmou o socialista.
Casares sinalou directamente ao Partido Popular por votar “en contra da memoria, da dignidade e da historia de Galicia”. “Quen representa o PP de Galicia no Parlamento Europeo non pode votar coma se Galicia non coñecese o sufrimento da emigración. Non pode poñerse do lado de quen quere converter a política migratoria europea nunha maquinaria de expulsión, medo e deshumanización”, declarou.
O eurodeputado galego lembrou que xeracións enteiras de galegos emigraron á Arxentina, Uruguai, Venezuela, Brasil, Suíza, Alemaña, Francia ou Reino Unido. “Ninguén imaxina que aqueles galegos e galegas que chegaron a Bos Aires, Montevideo, Caracas, París ou Zúric puidesen acabar detidos e deportados a Uganda. Ninguén o aceptaría. Pois iso é exactamente o que hoxe está avalando a dereita europea co apoio do PP”, subliñou.
González Casares advertiu de que esta política se inscribe nunha deriva “cada vez máis próxima ao trumpismo”, baseada na criminalización das persoas migrantes e na externalización de responsabilidades cara a países que non sempre garanten os estándares europeos de dereitos humanos.
O socialista foi especialmente crítico coa posibilidade de que familias con menores poidan verse afectadas por estas políticas. “Enviar familias e nenos a centros de reclusión fóra da Unión Europea, en países onde non existen as mesmas garantías de dereitos humanos, é unha liña vermella que Europa nunca debería cruzar”, afirmou.
O eurodeputado remarcou que “Galicia sabe perfectamente o que significa emigrar, chegar a outro país, traballar duro, sufrir prexuízos e levantar unha vida desde cero”. Por iso, engadiu, “ningún galego ou galega entendería que Europa actúe con outras persoas como nunca quixésemos que actuasen cos nosos”.
González Casares concluíu defendendo “outra Europa”: “A Europa que defendemos os socialistas non é a Europa dos centros de detención en terceiros países, nin a Europa que imita a Trump, nin a Europa que se deixa arrastrar pola ultradereita. Defendemos unha Europa firme na xestión migratoria, si, pero tamén fiel aos seus valores: dignidade humana, dereitos fundamentais, solidariedade e Estado de dereito”.

