O poñente socialista na Revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables urxe un pulo ás enerxías renovables ante a invasión rusa de Ucraína
No marco das consultas que se están a realizar de cara á Revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables, o poñente do Grupo dos Socialistas e Demócratas, Nicolás González Casares, volve incidir na necesidade de impulsar a enerxía de fontes renovables. Un pulo que cómpre axilizar dada a situación actual ante a invasión rusa de Ucraína e a forte dependencia enerxética que ten Europa de Rusia. Apostar polas renovables é apostar pola “independencia enerxética e uns prezos da enerxía máis alcanzables”, defendeu González ante a Comisión de Enerxía e Industria do Parlamento Europeo.
A Directiva Europea de Enerxía Renovables é crucial para descarbonizar o sistema enerxético, reducir a dependencia dos combustibles fósiles e lograr maior seguridade enerxética. Na recente reunión da Comisión, o poñente socialista mostrou a súa preocupación por impulsar fontes verdadeiramente renovables e referiuse á inclusión do hidróxeno baixo en carbono, que inclúe hidróxeno de gas fósil, como “un mal sinal”, ademais de pola súa natureza, pola posible “axuda” que podería supoñer para Rusia.
Nicolás González puxo enriba da mesa como obxectivo base aumentar ata o 45% as enerxías renovables na Unión Europea. O contexto de guerra en Ucraína obriga a “facer un esforzo extra para despregar as enerxías renovables”. Así tamén, marcou como obxectivos sectoriais: o incremento das renovables en 1,1 puntos porcentuais para a industria e centrar as actuacións no eido da calefacción e a refrixeración no impulso das bombas de calor ou o biometano para alcanzar a implantación deste tipo de enerxías nun 45% tamén.
Cos ollos postos nese necesario aumento das enerxías renovables, González Casares fixo fincapé no deber de simplificar a concesión de permisos para a súa posta en marcha coa aceptación social. “Debemos ter coidado ao considerar a posibilidade de proxectos renovables como de interese público”, apuntou. Respecto a axilizar o proceso, o eurodeputado avogou por incorporar un novo artigo na Directiva Europea de Enerxía Renovables para desenvolver un mapeo e unha planificación integrada para o despregamento de recursos de enerxía renovable.
Doutra banda, sobre os criterios de xestión forestal, Nicolás González solicitou que se orienten a garantir a prevención de incendios forestais. Así tamén, presentou emendas para promover as tecnoloxías de xeración de enerxía renovable máis sostibles mediante a avaliación da pegada de carbono incorporada dos proxectos, por exemplo, e mostrou o seu apoio ao fomento do hidróxeno verde sempre e cando se enfoque a aqueles usos con maiores dificultades para ser electrificados.