Gonzalez Casares: “Rueda deixa a Galicia sen desenvolvemento renovable”

Novembro 29, 2023

O eurodeputado critica a falta de compromiso e traballo do mandatario galego trala exclusión do hidroducto galego dos fondos europeos

O eurodeputado Nicolás González Casares poñía este mércores de manifesto a ineficacia da Xunta de Galicia na captación de proxectos de enerxías renovables de impacto para a comunidade. O socialista responsabiliza ao presidente Alfonso Rueda de “intentar tapar a súa propia incompetencia” ao quedar fóra dos fondos europeos o proxecto do hidroducto Guitiriz-Zamora.

Casares destaca o compromiso de Enagás e Reganosa de encargarse da construción do hidroducto e di que as críticas de Rueda cara ao mapa enerxético da Comisión Europea só son unha escusa para desviar a atención da súa falta de traballo coas institucións europeas. O eurodeputado salienta que a decisión sobre o hidroducto é “puramente europea e baseada no seu regulamento” e non está suxeita á influencia do goberno español.

Casares lamenta a falta de coñecemento e habilidade negociadora do presidente da Xunta en asuntos europeos, pois a falta de poder e influencia de Rueda evidénciase na decisión tomada en Bruxelas. “Vese como anda desorientado en todas as decisións europeas”, apunta.

Por outra banda, Casares acúsao de “omitir deliberadamente” o respaldo da Comisión Europea á interconexión eléctrica do norte de Portugal con Galicia, un proxecto que resultaría moi beneficioso para a produción de hidróxeno verde e reforzaría a seguridade dos seus produtores na comunidade. Outro dos proxectos que a Xunta tamén pasou por alto foi o dos electrolizadores (para transformar a auga en hidróxeno). Así pois, Nicolás González insta ao goberno galego a facer autocrítica sobre a súa xestión cando proxectos tan cruciais para Galicia, como estes, están en xogo.

Artículos relacionados