Casares acusa ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo de “poñer en risco” os intereses da cidade por “puro partidismo”

Censura a “miopía política e o sectarismo” de Botana por reunirse unicamente cun eurodeputado da súa familia política

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, acusou hoxe ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, de “poñer en risco” os intereses da cidade por “puro partidismo”. “Na súa visita a Bruxelas, a Autoridade Portuaria e o PP demostraron unha vez máis miopía política e sectarismo”, lamentou.

Así o sinalou o eurodeputado socialista tras constatar que, na súa visita á capital comunitaria desta semana, o presidente da Autoridade Portuaria “nin tan sequera” solicitou reunións con outros grupos políticos e só se reuniu cun eurodeputado do PP. “En Europa non existen maiorías absolutas, de aí a importancia de forxar consensos amplos en interese do porto e de Vigo. Fraco favor lle fai ao porto e a Vigo o descoñecemento do funcionamento das institucións, a miopía e o sectarismo do presidente da Autoridade portuaria e o PPdeG. Pero os cidadáns vigueses téñenlle tomada a medida”, aseverou González Casares, quen lle lembrou que para reunirse cun eurodeputado do PP galego “ben podía aforrar a viaxe e o gasto ao erario público”.

O eurodeputado socialista enmarcou este comportamento “sectario” nun “patrón de conducta habitual” nos dirixentes do PPdeG, lembrando que “falta a primeira vez” que un conselleiro manteña reunións con eurodeputados galegos distintos aos da súa familia política cando acoden a Bruxelas. “A defensa dos intereses de Vigo e de Galicia necesitan do concurso de todas as forzas galegas. Primar o interese partidista sobre o interese de Vigo e de Galicia debilita a consecución de logros e conduce á irrelevancia. É lóxico que a cidadanía viguesa non confíe no PP: nunca antepoñen a cidade”, sinalou.

Finalmente, González Casares cuestionou o papel xogado pola Fundación Galicia Europa, da que dixo agardar máis que actuar “de comparsa” dos dirixentes do PP galego. “Galicia merece unha fundación proactiva na defensa dos seus intereses en Europa, non unha sucursal máis do PP”, concluíu.