Casares: “Coas salvagardas aprobadas, Europa blinda aos agricultores fronte a calquera risco derivado do acordo con Mercosur”

O eurodeputado socialista galego incide en que se lle “acabaron as excusas” ao PP para apoiar o acordo

Considera que a apertura a Mercosur será “beneficiosa para Galicia, tanto para o sector primario como para sectores punteiros como o automóbil, o téxtil ou o naval”

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, valorou a adopción por maioría, este mediodía, polo pleno do Parlamento Europeo do acordo polo que se aproban as cláusulas de salvagarda para os produtos agrícolas ligadas ao acordo de asociación UE-Mercosur. “Con estas salvagardas, Europa blinda aos nosos produtores fronte a calquera posibilidade de impactos negativos do acordo no sector agrogandeiro”, aseverou.

Trala adopción en pleno, González Casares sostivo que ao PP “xa non lle quedan máis escusas nin cortinas de fume tras das que agocharse” para apoiar a entrada en vigor do acordo, un acordo cuxa tramitación “liderou o propio PP” no Parlamento Europeo e que “sempre apoiou, ata o punto de defender a súa aplicación provisional ata que, de súpeto, xirou coma un catavento e se botou para atrás”.

Para o eurodeputado, o regulamento aprobado ofrece un marco de confianza para o sector agrícola dado que o acordo final vai máis alá do proposto pola Comisión. Entre outros aspectos:

-Redúcese o umbral de activación das medidas de protección. A Comisión deberá iniciar unha investigación sobre a necesidade de medidas de protección cando as importacións de produtos agrícolas sensibles se incrementen de media un 5% nun período de 3 anos.

-Recoñécese como prexuízo grave cando o prezo medio de importación cae máis do 5% e, ademais, se sitúa polo menos un 5% por debaixo do prezo do produto europeo comparable.

-Ademais das porcentaxes, calquera indicio claro de deterioro da situación económica do sector poderá xustificar a apertura dunha investigación pola Comisión.

-Inclúense de forma explícita indicadores clave como os prezos, as vendas, a produción ou o emprego, o que permitirá unha avaliación moito máis realista do impacto das importacións.

-Refórzase o sistema de seguimento e vixilancia, cunha monitorización continua por parte da Comisión das importacións de produtos sensibles, ampliable a outros produtos, e a presentación de informes como máximo cada seis meses.

-Introdúcense medidas antielusión para evitar que se poidan sortear as salvagardas.

-Garántese unha activación rápida do mecanismo cun prazo máximo de 21 días.

-Garantía de cumprimento dos estándares ambientais, de benestar animal e de seguridade alimentaria da Unión.

“Salvagardas -indicou Casares- a maiores das que xa se inclúen no propio acordo”, como por exemplo os continxentes arancelarios que limitan a un incremento de 1,5% as importacións de carne de vacún e ao 1,3% as de aves de curral dentro da protección de produtos sensibles, “e a fin á competencia desleal” de produtos de Mercosur que imitan produtos europeos mediante a protección de 349 indicacións xeográficas da UE, “entre as que se atopan as DO galegas Ribeiro e Rías Baixas”.

O eurodeputado galego amosouse confiado en que a aprobación das cláusulas de salvagarda permita poñer en marcha este acordo, que crea a maior zona de libre comercio do mundo e que “será beneficioso para Galicia, tanto para o seu sector primario, como para sectores punteiros da nosa economía como o automóbil, o téxtil ou o naval, que verán facilitadas as exportacións ao reducirse os aranceis e incrementarse a seguridade xurídica”.