O eurodeputado galego incide en que, grazas ás emendas do Grupo Socialista, o sector do aluminio galego poderá contar con garantías fronte á competencia de terceiros países con menores esixencias en materia de sustentabilidade
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, asegurou hoxe que, coa aprobación polo pleno do Parlamento Europeo do informe sobre a modificación do Mecanismo de axuste en fronteira por carbono (CBAM, polas súas siglas en inglés), “a industria galega e, concretamente, os sectores do aceiro e o aluminio saen reforzados e con máis garantías” fronte a competencia de terceiros países.
Así o asegurou logo do voto rexistrado esta mañá na sesión plenaria do informe sobre o CBAM, cuxas negociacións liderou o Grupo dos Socialistas e Demócratas, informe que foi aprobado por ampla maioría e que constitúe o mandato do Parlamento para as negociacións en trílogos. González Casares manifestou a súa satisfacción porque o informe aumenta a cobertura do CBAM a aproximadamente 180 produtos transformados intensivos en aceiro e aluminio (como maquinaria, compoñentes de vehículos, electrodomésticos e equipos de construción) para evitar que os produtores europeos que utilizan estes materiais como insumos trasladen a súa produción a países con menores esixencias climáticas. Tamén, en resposta ás peticións do sector, dúas emendas presentadas polo Grupo Socialista estenden a cobertura á chatarra de aluminio e axustan á baixa o limiar de exención de 50 a 5 toneladas, algo que penalizaba especialmente á industria española e galega.
Para González Casares, con este informe dáse un “paso fundamental” para protexer especialmente “ao sector do aluminio galego e os miles de empregos que del dependen” algo que, dixo, estivo en risco polas posicións “ideolóxicas e sectarias” do PP, que ata última hora de onte non aclarou se finalmente daría o seu apoio ás emendas. “A ideoloxía negacionista que profesa o PP español para emular á ultradereita non pode antepoñerse aos intereses dos traballadores e empresas de Galicia. O CBAM é un instrumento para protexer a industria do aluminio galega, española e europea, fronte a produtos de terceiros países menos respectuosos co medio ambiente. Agora toca defender estes avances fronte ao Consello”, concluíu.

