Casares: “A Comisión desmente á Xunta ao constatar que non vai influír no Tribunal de Xustiza da UE ante o parón eólico”

O eurodeputado tilda de “ridícula” a pasada visita da conselleira de Medio Ambiente a Bruxelas e critica o uso partidista das institucións por parte do PP

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, manifestou esta mañá que a Comisión Europea vén de desmentir á Xunta de Galicia ao constatar nunha resposta a unha pregunta escrita do europarlamentario que non vai influír na cuestión prexudicial que se dirime no Tribunal de Xustiza da Unión Europea en relación ao parón eólico galego.

Nunha resposta da presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen, ao eurodeputado galego, o Executivo comunitario, constata que “os servizos da Comisión deixaron moi claro que o asunto [a cuestión prexudicial] está pendente e sub iudice ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, polo que non poden comentar a posición que debe adoptar a Comisión, na súa calidade de amicus curiae”.

Segundo González Casares, con esta resposta a Comisión desmonta a “propaganda” da Xunta de Galicia, que vendeu a reunión coa Comisión como un movemento para influír no posicionamento do Executivo comunitario perante a xustiza europea. “Unha vez máis, constátase o ridículo feito pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, o pasado mes de setembro”, remarcou o eurodeputado socialista, quen lle recomendou á conselleira aplicar o pacto eólico promovido polo PSdeG-PSOE para superar a parálise eólica provocada polo PP na Xunta.

O eurodeputado galego fíxose eco igualmente da resposta da Comisión Europea para criticar o uso partidista das institucións por parte do PP, dado que, malia ser unha reunión oficial da conselleira co director do Servizo Xurídico da Comisión, aquela fíxose acompañar dun eurodeputado do PP, algo do que, como constata Von der Leyen na súa resposta, “non se informou previamente ao Servizo Xurídico”.