Casases: “A Comisión Europea abre a porta ao greenwashing dos centros de datos”

O eurodeputado socialista rexistrou unha pregunta á Comisión Europea para que esclareza os criterios e controis para o bo emprego da etiqueta de sostibilidade

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, criticou o último borrador do acto delegado sobre o sistema europeo de cualificación de sostibilidade dos centros de datos por considerar que "converte unha ferramenta de transparencia nun instrumento de greenwashing" e supón "un paso atrás para a transición e soberanía enerxética de Europa".

González Casares advertiu de que a proposta permitiría que centros de datos alimentados por combustibles fósiles obteñan unha etiqueta de sostibilidade mediante certificados e compensacións de emisións que non reflicten o seu consumo real de electricidade. "Se un centro de datos que segue queimando gas pode recibir a mesma cualificación que outro que aposta por renovables locais e almacenamento, a etiqueta perde toda a súa credibilidade", afirmou.

O eurodeputado considera que a Comisión "está a enviar o sinal equivocado" nun momento marcado polas crises enerxéticas, o aumento da demanda eléctrica derivada da intelixencia artificial e os efectos cada vez máis visibles do cambio climático. "Europa debería incentivar os investimentos reais en descarbonización, non premiar a contabilidade creativa", sinalou.

Casares alertou, ademais, de que o borrador penaliza ás empresas que están a investir en nova capacidade renovable e almacenamento, á vez que facilita unha maior dependencia do gas e mantén a presión sobre os prezos da electricidade. "A transición dixital non pode construírse sobre combustibles fósiles. Necesitamos centros de datos alimentados por enerxía limpa de verdade, non etiquetas verdes sen respaldo na realidade", defendeu.

O representante galego tamén expresou a súa preocupación polas implicacións para a soberanía tecnolóxica europea. "Resulta preocupante que o texto recolla boa parte das demandas expostas por grandes empresas tecnolóxicas estadounidenses para rebaixar os requisitos ambientais. Europa non pode debilitar as súas normas mentres aumenta a súa dependencia de compañías estranxeiras que controlan tecnoloxías estratéxicas", advertiu.

"Europa non necesita regras máis débiles. Necesita un sistema de sostibilidade crible que protexa os consumidores, impulse as enerxías renovables e reforce a nosa autonomía estratéxica. Se as etiquetas deixan de reflectir a realidade, quen termina pagando o prezo son os cidadáns e o clima", concluíu Casares.

O socialista rexistrou unha pregunta parlamentaria á Comisión Europea para que aclare se establecerá criterios e controis que garantan que só poidan obter a etiqueta de sostibilidade aqueles centros de datos que utilicen enerxía renovable real e verificable, e non aqueles que sigan dependendo do gas ou outros combustibles fósiles mediante mecanismos de compensación ou contabilidade indirecta.