O eurodeputado galego sinala que o declive na produción pesqueira europea esixe “medidas inmediatas”
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, asegurou hoxe que a avaliación da Política Pesqueira Común (PPC) “ratifica a necesidade da súa reforma urxente”. “A avaliación constata o declive na produción pesqueira europea e que os beneficios económicos esperados non se materializaron. O diagnóstico é claro e o remedio debe comezar pola reforma da normativa vixente”, indicou.
A avaliación, feita pública esta mañá pola Comisión Europea, constata que a PPC non ten logrado os resultados agardados cando foi aprobada no ano 2013. González Casares salientou “avances positivos”, como o incremento das poboacións pescadas a niveis sustentables, que pasou do 50% ao 63%, “o que é mostra do esforzo realizado polos nosos mariñeiros e mariñeiras, especialmente na costa atlántica, onde o progreso foi maior”.
Con todo, isto non se traduciu en beneficios palpables para o sector pois, como revela o informe, o valor comercial dos produtos pesqueiros e acuícolas medrou menos de 2 puntos anuais en termos reais. “A lei vixente non logrou dar un pulo ao sector: ao contrario, o mercado europeo depende das importacións pesqueiras máis que cando se adoptou a última reforma”, incidiu.
O eurodeputado galego tamén aludiu aos “retos persistentes” que sinala o informe, o envellecemento dos buques e o aumento dos custes operativos, como proba da necesidade de impulsar unha nova reforma. A este respecto, Casares fixo fincapé no feito de que a propia Comisión recoñeza na súa avaliación que o “exceso de capacidade non conduce necesariamente a una presión pesqueira excesiva”, o cal “desmonta un dos mantras máis asentados” no Executivo comunitario e nos que se basean as limitacións introducidas á renovación da flota.
“A PPC vixente, xunto coas esixencias do FEMPA, impiden facer fronte a eses retos co músculo necesario. Ninguén nega a mellora na redución da sobrepesca nin o impacto positivo de medidas como a rexionalización na xestión de stocks, pero é tempo de dar un paso adiante e, construíndo sobre os aspectos positivos, introducir cambios na normativa que garantan a viabilidade futura do sector”, concluíu.

