O eurodeputado defende darlle á pesca e á acuicultura o “recoñecemento e prioridade” que merecen no futuro marco orzamentario da Unión
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, reclamoulle esta tarde ao comisario de Pesca, Costas Kadis, que presente “canto antes” unha proposta de revisión da Política Común de Pesca que permita “corrixir os problemas de deseño” da actual e “abordar novas realidades” como os impactos derivados do cambio climático.
Na súa intervención na Comisión de Pesca, Casares lembroulle ao comisario que, malia “aspectos positivos” como o incremento da porcentaxe de poboacións pescadas en niveis sostibles -do 50% ao 63%- a avaliación recente da PPC revelou que esta non funcionou “como a avaliación de impacto de 2013 dixo que ía funcionar”. Por exemplo, aludiu a aspectos “moi negativos” como a caída dun 30% do emprego no sector ou un incremento salarial moi por debaixo da inflación, ademais dos problemas de relevo xeracional, ou as “cortapisas” á renovación da flota, que provocaron que hoxe a media de idade da mesma supere os 30 anos.
“Non son só problemas de implementación os que conduciron a unha eficacia limitada da PPC: son problemas de deseño e novas realidades”. Por iso, o eurodeputado galego reclamoulle ao comisario “afrontar os problemas e non mirar para outro lado”, dado que a reforma é necesaria para “reequilibrar” as tres dimensións da sostibilidade, afrontar os problemas na aplicación da obrigación de desembarque, impulsar o relevo xeracional, lograr barcos “máis seguros, máis confortables e sostibles”, dar predicións ao sector mediante TACs plurianuais ou impulsar os acordos de pesca con terceiros países.
Casares tamén aproveitou a comparecencia de Kadis para facerse eco da preocupación do sector ante os novos acordos comerciais da Unión e as consecuencias da liberalización do comercio de atún con México ou Indonesia. “Onde queda a protección do sector da conserva e das comunidades costeiras que dependen del? Logo preguntaranse por que medran os populismos”, advertiu.
Futuro orzamento europeo
Tras lamentar ante Kadis o “recorte brutal” de dous terzos proposto pola Comisión para o orzamento dedicado á pesca no futuro marco financeiro plurianual 2028-2034, o eurodeputado defendeu aproveitar o informe do Comité de Pesca sobre o regulamento financeiro sectorial para “darlle á pesca o trato que merece no presuposto e que, desde logo, non é o abandono e o menosprezo amosado pola Comisión Europea”.
A este respecto, González Casares anunciou que nas súas emendas ao presuposto impulsará darlle ao sector “recoñecemento e prioridade” como “sector clave” para a seguridade e soberanía alimentarias. “Empezando por recuperar o nome e dotación orzamentaria do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura”, para o que reclamou un mínimo de 8.290 millóns de euros no programa rexional e 1.700 millóns para os acordos de pesca con terceiros países no programa Global Europe.
Fronte á renacionalización do FEMPA proposta pola Comisión, o eurodeputado posicionouse a favor de respectar e reforzar o papel dos distintos niveis de goberno con competencias na materia á hora de programar, implementar e xestionar os programas de apoio ao sector.
Igualmente, González Casares anunciou emendas para favorecer o relevo xeracional no sector, así como para recoñecer e protexer o labor que realizan os Grupos de Acción Local, e garantir o funcionamento do mercado interior e a igualdade de condicións entre Estados membros. E advertiulle ao relator que contrapoñer a aplicación do principio de igualdade de xénero co relevo xeracional e o atractivo do sector “cando as mulleres son maioría en sectores como o transformador” non é aceptable.

