O eurodeputado pide eliminar trabas para modernizar e descarbonizar a frota pesqueira
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares pediulle á Comisión Europea “unha estratexia integral e medidas financeiras” para facer fronte á crise de prezos. ocasionada pola subida dos combustibles, e descarbonizar a frota pesqueira.
Durante unha intervención na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, o eurodeputado sinalou que o prezo dos combustibles “practicamente duplicouse desde que Trump e Netanyahu lanzaron o seu ataque ilegal a Irán”, e criticou a “hipocrisía” de quen “non condena estas accións, pero racha as vestiduras ante a subida de prezos”.
González Casares puxo como exemplo ao Goberno de Pedro Sánchez, “o primeiro de Europa en tomar medidas”, tales como unha axuda compensatoria a empresas armadoras de buques pesqueiros, a exención da taxa da pesca fresca e a ampliación de liñas de axudas e avais do ICO, e pediulle á Comisión Europea que “non poña paus nas rodas”.
Ademais, referiuse á necesaria descarbonización da frota que, segundo un estudo encargado pola propia Comisión, “requirirá entre 10.000 e 25.600 millóns de euros”, mentres o executivo comunitario propón un orzamento de só 2.000 millóns para a pesca.
O eurodeputado reclamoulle tamén ao executivo comunitario que elimine as trabas na Política Pesqueira Común e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para a renovación da frota en canto a tonelaxe, eslora ou capacidade.

