Polo Día de Europa, o eurodeputado galego destaca a importancia de coñecer o funcionamento das institucións europeas e a repercusión directa das súas decisións no día a día da cidadanía
O eurodeputado socialista Nicolás González Casares visitou este mediodía o IES Monelos da Coruña, unha das sete escolas galegas Embaixadoras do Parlamento Europeo, para participar nun encontro co alumnado con motivo da celebración do Día de Europa. O socialista, acompañado polo director do centro, Antonio Orosa; así como por Xoán Manuel Vázquez e Elena Conde, coordinadores da Escola Embaixadora. Durante a visita, puxo en valor a importancia da democracia, a liberdade e a solidariedade como piares fundamentais do proxecto europeo, e animou á mocidade a implicarse activamente na construción dunha Europa máis unida, verde e social.
Ao longo do acto, González Casares explicou ao alumnado de 4º da ESO o funcionamento das institucións europeas, subliñando a relevancia que teñen as decisións que se toman en Bruxelas e Estrasburgo na vida diaria da cidadanía. "Europa non é algo alleo, é algo que vos afecta directamente: desde os vosos dereitos como consumidores ata o acceso á sanidade ou a loita contra o cambio climático", destacou. Tamén fixo fincapé na cultura do diálogo e o consenso como base do labor parlamentario, así como o papel da UE como garante da paz e a cooperación nun contexto global cheo de desafíos.
Durante a conversa, compartiu co alumnado o exemplo de como a normativa europea contribuíu á sostibilidade da ría do Burgo. Ademais, afondou na necesidade de consensuar coa cidadanía cuestións como a posta en marcha das renovables.
No coloquio posterior, o alumnado amosou un vivo interese por afondar no traballo de González Casares nos eidos da saúde e das enerxías renovables. Ademais, fixeron explícita a súa preocupación polos riscos que ameazan a paz en Europa. Un dos debates que se estableceron xirou ao redor da idade mínima para votar. “Temos que valorar moito máis o compromiso da nosa xuventude coa democracia - concluíu o eurodeputado- e facer un esforzo por escoitalos”.
A visita enmárcase dentro das actividades programadas polo IES Monelos para celebrar o Día de Europa, data que conmemora a Declaración de Schuman de 1950, considerada o xerme da actual Unión Europea. Con iniciativas coma esta, González Casares reafirma o seu compromiso coa divulgación e a pedagoxía europeísta entre a mocidade, convencido de que "comprender e valorar a Unión Europea é a mellor forma de defendela e mellorala".








