O eurodeputado galego incide en que a PPC non logrou os obxectivos marcados
Esixe unha reforma que dea máis peso á sostibilidade económica e social do sector e que impulse o relevo xeracional
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, reclamou hoxe que a Comisión Europea presente con urxencia unha proposta para reformar a Política Pesqueira Común (PPC) “para garantir o futuro da pesca e das comunidades pesqueiras”.
Durante a súa intervención no pleno do Parlamento sobre a recente avaliación da PPC, o eurodeputado galego sinalou que, se ben esta demostra que a política aprobada en 2013 permitiu mellorar a sostibilidade das capturas europeas, o que agora “urxe” é “garantir a sostibilidade das comunidades pesqueiras”.
“Como vostede sabe, comisario, son galego e non se pode entender Galicia sen o mar e a pesca”, afirmou Casares, antes de insistir na necesidade de que a PPC incorpore con máis forza a dimensión social e económica do sector.
Casares lembou a este respecto que a avaliación, publicada recentemente pola Comisión Europea permitiu constatar que, tras doce anos de vixencia, a última reforma non logrou os obxectivos previstos.
“Destrución dun 30% do emprego do sector, perda de poder adquisitivo, fracaso no relevo xeracional, obsolescencia da frota… Non falamos de problemas de implementación. Falamos de problemas de deseño e de novas realidades ás que hai que facerlles fronte”, aseverou Casares, que advertiu de que estes problemas se verán agravados co “recorte inadmisible” dos fondos para a pesca propostos pola Comisión Europea no próximo marco financeiro plurianual.
Ante esta realidade, o eurodeputado galego demandoulle ao comisario que “propoña xa unha reforma específica da PPC” para abordar os problemas identificados: reequilibrar as tres dimensións da sostibilidade -social, económica e ambiental-; impulsar o relevo xeracional; afrontar o envellecemento da frota; reformar o “enfoque obsoleto” da capacidade pesqueira; promover totais admisibles de capturas (TAC) plurianuais e introducir límites ás variacións interanuais dos TAC e das cotas, entre outras medidas.
“Ao sector acábaselle a paciencia. Non máis promesas, comisario. Fagan o seu traballo para garantir o futuro da pesca e das comunidades pesqueiras”, concluíu.

