Nunha carta ao comisario de Pesca, lembra que o peche de 87 zonas foi “particularmente severo” co palangre
Demanda un tratamento proporcional, diferenciado e xusto, distinguindo entre artes activas e pasivas
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, reclámalle ao comisario de Pesca, Costas Kadis, iniciar unha “revisión urxente” do Regulamento de Augas Profundas e as súas medidas de aplicación, co obxectivo de excluír do seu alcance a pesca con palangre de fondo.
Así o demandou nunha carta enviada ao comisario de Pesca esta semana, na que o eurodeputado galego puxo en evidencia a “profunda preocupación pola deterioración da situación socioeconómica” que enfronta a frota palangreira de fondo da UE.
Na carta, promovida por González Casares e asinada por eurodeputados de diversos grupos*, o eurodeputado galego destaca que este método artesanal ten un contacto mínimo co leito mariño e é amplamente recoñecido por preservar os hábitats mariños e garantir a sostibilidade a longo prazo.
Con todo, incide en que a implementación do Regulamento de Augas Profundas e, sobre todo, o peche de 87 zonas a través do regulamento de execución (UE) 2022/1614 tivo consecuencias “devastadoras” para o palangre, como o propio comisario tivo oportunidade de coñecer na súa recente visita a Galicia. ”Como exemplo claro, ao 31 de decembro de 2024, a captura media de pescada —a principal especie obxectivo da frota— diminuíra en 80.684 kg por embarcación, o que supón unha asombrosa redución do 32 % en volume en comparación coa media previa á entrada en vigor do regulamento (segundo datos da Organización de Produtores de Burela)”, lembra.
Ante esta situación, e tras lembrar que o palangre de fondo foi posto como exemplo a promover durante as negociacións do propio Regulamento de Augas Profundas, a carta promovida por González Casares fai un chamamento a que a Comisión adopte un enfoque regulador máis proporcional, diferenciado e xusto, “distinguindo entre artes activas e pasivas, e tendo en conta a pegada real das prácticas pesqueiras nos ecosistemas mariños” e a “iniciar unha revisión urxente” do Regulamento de Augas Profundas e as súas medidas de aplicación, co obxectivo de excluír do seu alcance á pesca con palangre de fondo.
*Eurodeputados asinantes:
Nicolás González Casares; Ana Miranda Paz; Leire Pajín; Idoia Mendía; Jonás Fernández; Alicia Homs Ginel; Oihane Agirregoitia Martínez; Francisco Millán Mon; Gabriel Mato; Carmen Crespo Díaz; Zeljana Zovko.

