Lembra que hai un mes lanzou a voz de alarma ante a inclusión desa medida nun borrador do Pacto dos Océanos
Rexeita a proposta de prohibición xeral das artes de fondo nas áreas mariñas protexidas
Participará en Niza na Conferencia das Nacións Unidas sobre o Océano
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, saudou hoxe que a Comisión Europea descartara na aprobación do Pacto Europeo dos Océanos a proposta de estender o sistema de comercio de emisións ao sector pesqueiro incluída nunha filtración previa. “Hai apenas un mes, lanzamos a voz de alarma contra unha medida absolutamente lesiva, inxusta e ineficaz que tería cuestionado a viabilidade do sector pesqueiro. Grazas á presión exercida, hoxe a Comisión rectifica un camiño totalmente errado, esperemos que sen volta atrás”, sinalou.
Tras a presentación esta mañá da comunicación sobre o Pacto Europeo dos Océanos, o eurodeputado galego volveu incidir en que o sector pesqueiro europeo ten unha pegada de carbono moi baixa -entre o 0,1 e o 0,2% das emisións de CO2 da Unión Europea- e carece de alternativas de descarbonización, polo que a extensión do sistema ETS “non ten ningún sentido”.
Igualmente, González Casares chamou a atención sobre unha das propostas incluídas no Pacto, a prohibición das artes de contacto de fondo nas áreas mariñas protexidas e esixiu un enfoque equilibrado ao respecto. “No Parlamento xa nos pronunciamos en contra das prohibicións xerais, que non teñen sentido. Unha medida deste calado debe realizarse caso por caso, baseándose na mellor información científica e contando cos afectados, habilitando as compensacións necesarias no seu caso. Estaremos vixiantes”, advertiu.
Con todo, o eurodeputado galego saudou o anuncio contido no Pacto polo cal a Comisión se compromete a presentar unha Lei Oceánica en 2027, algo que o Grupo dos Socialistas europeos reclama desde hai tempo. “Agardamos que a Lei non se quede nunha mera revisión da directiva de planificación do espazo mariño senón que sirva para dar coherencia ás políticas que afectan ao ámbito marítimo”, indicou.
“Hai boas intencións no Pacto, pero falta concreción, especialmente orzamentaria, ese será o test de realidade de cara á negociación do futuro marco financeiro plurianual”, apuntou.
Cumio dos Océanos
A presentación do Pacto Europeo dos Océanos faise días antes de que Niza acolla a partir do día 8 a Conferencia das Nacións Unidas sobre o Océano, conferencia na que participará Nicolás González Casares dentro da delegación do Parlamento Europeo. No marco desa conferencia, o eurodeputado galego manterá encontros co comisario de Pesca, Costas Kadis, dirixentes da FAO, da International Seabed Autthority, da Conferencia das Nacións Unidas sobre Comercio e Desenvolvemento (UNCTAD), a Organización Marítima Internacional, así como representantes do sector pesqueiro, entre outros.

