Casares urxe á Comisión a adoptar “medidas de salvagarda” para impedir que a produción de silicio colapse ante o dumping chino

Incide na necesidade de protexer os postos de traballo e unha produción estratéxica para evitar incrementar a dependencia exterior

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, volveu urxir á Comisión Europa a adoptar “medidas de salvagarda” en relación coa produción de silicio metálico ante a competencia desleal china.

A través dunha nova iniciativa parlamentaria, o eurodeputado galego fíxose eco da concentración dos traballadores de Ferroglobe incidindo en que Europa non pode agardar máis para a adopción destas medidas. “Os traballadores da única planta produtora de silicio metálico de España seguen inmersos nun expediente de regulación temporal de emprego e Europa corre o risco de perder esta industria clave debido ao alto impacto das importacións procedentes de China e países africanos como Angola, que inundaron o mercado europeo a precios de dumping”, incidiu.

Casares lembra que en resposta a unha pregunta presentada o pasado mes de abril, o comisario de Comercio, Maros Sefcovic, admitira que “a situación parece terse complicado considerablemente” desde a adopción de medidas de salvagarda en novembro de 2025 -medidas que non cubriron o silicio metálico-, e sinalaba que a Comisión estaba aberta a explorar, xunto coa industria, “a posibilidade de adoptar medidas no marco dos instrumentos de defensa comercial”.

Pero, como lembrou Casares, “as medidas non chegan” e a situación segue deteriorándose, motivo polo que urxiu a adopción das mesmas para evitar que a industria do silicio metálico “colapse” e que non se incremente a dependencia exterior nun sector estratéxico.