O presidente ucraíno Zelenski interveu en directo para solicitar axuda aos eurodeputados
O ataque a Ucraína debe entenderse como un ataque ás democracias e aos valores que sustentan a UE
A Unión Europea mostrou este martes máis que nunca a súa unión cunha resolución aprobada por amplísima maioría (637 votos a favor, 13 en contra e 26 abstencións) condenando sen paliativos a agresión rusa, instando a un cese da violencia e chamando aos estados membros a aumentar a presión sobre Putin con sancións que debiliten estratexicamente a economía e industria rusas. O foco centrouse en particular na restrición da importación de petróleo e gas.
Nicolás González Casares, como responsable de enerxía da Delegación Socialista Española, sinalou que "veñen tempos de sacrificios no que ten que ver coa enerxía" porque "non podemos prescindir do gas ruso dun día para outro". Considera que é preciso buscar alternativas, algo para o cal "xa chegamos tarde".
Nesta liña, tanto Von der Leyen como Borrell sinalaron que a UE debe avanzar en renovables pero para Nicolás G. Casares a Comisión Europea pode facer máis en relación ao sistema de fixación de prezos da electricidade: "É preciso reformalo de xeito temporal para que os elevados prezos do gas non condicionen a factura eléctrica do xeito que o están facendo, e que pode ir a peor", apuntou Casares.