O PSdeG afianza o seu apoio ao festival EmigraSON de Bruxelas

A colaboración do eurodeputado socialista Nicolás González Casares é equiparable á dos outros eurodeputados galegos xuntos

O PSdeG reafirma o seu compromiso coa cultura galega no exterior colaborando activamente na terceira edición do festival EmigraSON, que terá lugar este sábado 22 de febreiro na sala La Madeleine de Bruxelas. O evento, organizado pola mocidade galega residente en Bélxica, está a consolidarse como unha cita ineludible para a promoción da escena musical galega no corazón de Europa.

O eurodeputado socialista Nicolás González Casares ten un papel fundamental na organización do festival, cunha implicación equiparable á colaboración dos outros eurodeputados galegos xuntos. Nesta liña, sinala a necesidade de apoiar aquelas iniciativas que fortalezan os lazos da diáspora galega. "O EmigraSON é máis que un festival; é un punto de encontro para os galegos e as galegas que están fóra e unha plataforma para compartir a nosa cultura co mundo. É un privilexio colaborar nun evento que non só celebra a nosa música, senón que tamén reforza a identidade galega máis alá das nosas fronteiras", afirma González Casares.

O festival contará coas actuacións das Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ninghures, que ofrecerán unha noite de folk, rock e sons electrónicos. A organización espera acoller a máis de 1.200 asistentes, triplicando a capacidade das edicións anteriores, o que dá conta do seu crecemento e consolidación.

O PSdeG segue apostando por aquelas iniciativas que promoven a lingua e a cultura galegas, impulsando, como neste caso, o fortalecemento dos vínculos coa terra de orixe e a proxección da riqueza cultural de Galicia no ámbito internacional.