O eurodeputado Nicolás G. Casares viaxa a Colombia para abordar os desafíos da transición enerxética

O parlamentario reuniuse con diversos representantes do sector enerxético do país, así como con personalidades como o presidente do Congreso da República, Roy Barreras, e o embaixador da Unión Europea en Colombia, Gilles Bertrand

Con moito diálogo. Así transcorreron os días nos que o eurodeputado socialista Nicolás González Casares visitou Colombia. Tras a recepción inicial co embaixador da Unión Europea, Gilles Bertrand, en Bogotá, o parlamentario, relator do Grupo S&D na Revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables e da Comisión de Transporte e Enerxía, reuniuse con diversos representantes do sector enerxético do país.

Convidado por Naturgas, a Asociación Colombiana de Gas Natural que reúne a 29 empresas ligadas á produción, transporte e distribución, Casares puido coñecer de preto a abordaxe que se está facendo da transición enerxética, impulsada polo goberno de Gustavo Petro. A visita do socialista coincide nun momento de grande importancia para o estado colombiano ao aprobar a reforma tributaria que fixa novas obrigacións aos produtores de combustibles fósiles.

"Colombia ten no gas e as renovables unha importante oportunidade. Xa ten un sistema eléctrico moi descarbonizado polo que debe centrarse no transporte e no sector da edificación. Cada país debe buscar o seu propio esquema de transición e Colombia estao facéndoo", asegura Nicolás González. O eurodeputado destaca a potencialidade do sector do gas e as iniciativas en materia de biogás e hidróxeno que se están desenvolvendo no país, posicionándoo como "un actor clave na transición ecolóxica en Latinoamérica". Aspectos que puido conversar con Roy Barreras, presidente do Congreso da República, e Luz Stella Charangas, presidenta de Naturgas.

Pola súa banda, o sector colombiano da enerxía mostrouse moi interesado en coñecer a situación enerxética en Europa, as regulacións europeas como o ETS (prezo do CO2 emitido) e o CBAM (axuste de carbono en fronteira) ou as consecuencias da guerra de Ucraína.

Casares valora moi satisfactoriamente o intercambio e debate sobre a transición enerxética que se desenvolveu estes días en Bogotá con encontros como os ‘Diálogos estratéxicos para unha transición enerxética xusta’, organizado por Naturgas, nos que coñecer a postura da Asociación Colombiana de Generadores de Energía Eléctrica, a Asociación Nacional de Empresas de Servicios Públicos y Comunicaciones, a Cámara de Hidrógeno de la Asociación Nacional de Empresarios de Colombia, a Cámara Colombiana de Bienes & Servicios de Petróleo, Gas y Energía ou a Asociación de Energías Renovables – Ser Colombia.

O europarlamentario tamén se reuniu con Joaquín de Arístegui, embaixador de España de Colombia, un país no que a preservación dos seus ecosistemas tropicais e a redución da extracción do carbón marcará a súa contribución climática.