Unha delegación da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo reúnese co ministro de Pesca e Economía Marítima Alioune Ndoye
Urxen unha xuntanza da Comisión Mixta de Seguimento do Acordo Senegal-UE para desbloquear a situación
Unha delegación da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo desprazouse esta semana a Senegal para analizar o estado do Acordo de Pesca ante as trabas coas que se está a atopar a flota europea. Con esta misión parlamentaria búscase validar coas autoridades senegalesas o punto no que se atopa o pacto e os investimentos que está a realizar o país ao seu abeiro. Ademais, recolleranse as demandas das asociacións de pescadores e representantes da flota da pesca da UE.
Na reunión mantida co ministro de Pesca e Economía Marítima, Alioune Ndoye, o eurodeputado Nicolás González Casares, do Grupo da Alianza de Socialistas e Demócratas, constatou "as moitas dificultades que se están a dar en Senegal na aplicación do acordo pesqueiro". Ndoye mantivo a súa postura respecto á negativa de novas licencias para os barcos europeos. Unha decisión que Senegal tomaba o 1 de xaneiro e que agrava a situación dos pescadores da UE no país, especialmente os da flota cañeira do atún e a da pescada negra, para as cales o acordo pesqueiro acordaba ata dez e dous barcos en activo, respectivamente.
Non obstante, desde xullo de 2020 os cañeiros, procedentes do País Vasco e de Francia, teñen prohibido acceder á baía de Hann para facerse co cebo que precisan para faenar, o que os leva a permanecer amarrados no porto. No seu momento, a Comisión Europea xa emitira un informe científico que evidenciaba o baixo impacto que ten a recollida dese cebo na zona da enseada senegalesa.
Parte da flota europea tamén permanece parada ante os desacordos nos pagos e nas auditorías das inversións recollidas no acordo sectorial. De acordo co protocolo en vigor, a contribución financeira anual da UE quedou fixada en 1,7 millóns de euros, 800.000 polo acceso ás augas de Senegal e o monto restante para apoiar a política pesqueira do país, co propósito de contribuír á mellora no control da pesca e ao desenvolvemento da investigación pesqueira e da certificación sanitaria dos produtos do mar.
Co propósito de dirimir estas desconformidades, acordouse co ministro de Pesca e Economía Marítima fixar unha reunión da Comisión Mixta de Seguimento do Acordo Senegal-UE o máis axiña posible "coa esperanza de que se poida avanzar nunha situación que agora mesmo está bloqueada", explicaba González Casares.
Nesta misión parlamentaria participa tamén o presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, e os eurodeputados Izaskun Bilbao (PNV), Predrag Fred Matič (S&D), Niclas Herbst (Grupo do Partido Popular Europeo) e Caroline Roose (Grupo dos Verdes).