González Casares acusa á Xunta de fallar “estrepitosamente” na xestión dos incendios e de ocultar a superficie queimada

O eurodeputado socialista denuncia que o Goberno galego “contribúe aos incendios” ao rexeitar pactos contra o cambio climático, non contratar bombeiros en condicións dignas e incumprir a normativa europea en materia de Rede Natura

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, acusou esta tarde á Xunta de Galicia de fallar “estrepitosamente” na súa xestión dos incendios forestais que este ano están a calcinar miles de hectáreas no país, moitas delas en zonas de alto valor ecolóxico.

Na súa intervención no pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo, Casares denunciou como un “fracaso sen paliativos” non só a xestión do Goberno do PP, senón a “ocultación” da superficie queimada en moitas zonas afectadas polos lumes, como Pena Trevinca.

Para poñer en evidencia a xestión do Goberno galego, o eurodeputado socialista lembrou que o día 13 de agosto a Xunta de Galicia dicía “que sobraban medios” para o día seguinte acabar pedindo “a asistencia do Exército, que xa estaba alí, e todos os avións de Europa”.

González Casares lamentou que o “mimetismo” do PP coa extrema dereita “non contribúe” a resolver o problema dos incendios forestais. Ao contrario, incidiu en que as políticas seguidas polos populares, como rexeitar pactos contra o cambio climático ou non contratar bombeiros en condicións dignas, ou de xeito tardío, ou incumprir a normativa europea en canto á extensión e xestión da Rede Natura “contribúe aos incendios”.

“Cando vostedes propoñen rebaixar o orzamento da PAC [tal e como propuxo a Comisión Europeo para o período 2028-2034], danan o campo, favorecen o despoboamento e contribúen aos incendios”, remachou Casares, quen advertiu ao PP: “Cando tratan de enganar á cidadanía dicindo que só arderon rochas e matogueiras, esquecendo ás persoas, como fixo o presidente Rueda, xeran indignación e danan a democracia”.