González Casares participa na constitución en Bruxelas do grupo de “Amigos do Corredor Atlántico”

A iniciativa busca impulsar a nivel europeo o desenvolvemento deste proxecto para que se execute de acordo aos prazos fixados na normativa comunitaria

O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, participou onte na reunión constitutiva de “Amigos do Corredor Atlántico”, unha iniciativa que busca actuar como unha rede para promover e impulsar o Corredor Atlántico ferroviario e que agrupa a deputados do Parlamento Europeo e ao coordenador europeo do proxecto, François Bausch.

Na reunión constitutiva, na que González Casares foi o único eurodeputado galego participante, fíxose unha análise do avance do proxecto nos tres Estados membros implicados -España, Portugal e Francia- e anunciouse que, tal e como establece o regulamento sobre as redes transeuropeas, en setembro presentarase o programa de traballo do Corredor Atlántico a nivel europeo. Igualmente, destacouse o avance das actuacións previstas en España.

A iniciativa Amigos do Corredor Atlántico ten por obxectivo sensibilizar aos responsables políticos e á opinión pública sobre a importancia estratéxica deste proxecto, co fin de garantir que os prazos de execución se manteñan en consonancia cos obxectivos e prazos fixados no regulamento da TEN-T. Para apoiar este obxectivo, entre outras actividades, organizaranse visitas sobre o terreo, actividades de divulgación e outras accións de visibilidade nas que participarán as principais partes interesadas a nivel europeo e nacional.

Segundo o Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia aprobado polo Goberno de España, investiranse 4.561 millóns de euros ata 2030 para o seu desenvolvemento. Deste investimento, 3.059 millóns corresponden a actuacións incluídas pola Unión Europea na rede básica, cuxo horizonte temporal é 2030, e 1.502 millóns corresponden a desenvolvementos que, aínda que forman parte dos compromisos con Europa para 2050 (rede global), o goberno progresista decidiu adiantar a 2030 para mellorar a conectividade e a intermodalidade en Galicia.