O eurodeputado participou na viaxe dunha delegación do Parlamento Europeo a Arxentina, onde mantivo encontros co Goberno e con representantes políticos do Congreso
O eurodeputado galego Nicolás González Casares viaxou ata Arxentina como parte dunha delegación do Parlamento Europeo para analizar o estado das negociacións do acordo entre a Unión Europea e Mercosur. Durante a súa visita, mantivo reunións co ministro de Relacións Exteriores, Pablo Quirno, así como con representantes de distintas forzas políticas no Congreso arxentino, incluído o seu presidente, Martín Menem.
No marco destes encontros, González Casares defendeu a necesidade de avanzar cara a un acordo comercial ambicioso pero equilibrado, que garanta estándares altos e recíprocos en materia ambiental e laboral, co fin de asegurar condicións de competencia xustas entre ambas rexións.
O eurodeputado trasladou tamén ás autoridades arxentinas a preocupación existente en sectores clave do agro galego e español. Neste sentido, subliñou que, aínda que existe un apoio claro ao acordo, “non se poden obviar os mecanismos de salvagarda previstos para protexer aos sectores máis sensibles”.
Casares puxo en valor que o acordo debe construírse desde o beneficio mutuo e o respecto entre socios democráticos, destacando o seu carácter estratéxico e cualificándoo como “un acordo histórico que fortalecerá os lazos entre Europa e América Latina”.
Durante a súa estancia, o eurodeputado constatou, ademais, o amplo respaldo político ao acordo no Congreso arxentino.

