O protocolo achega “seguridade e certeza” á frota española, ao garantir os intercambios con Noruega para obter cota de bacallau ártico
Sostén que o acordo fortalece as relacións de colaboración e cooperación da UE con Groenlandia nun momento de fortes tensións por culpa das ameazas da administración Trump
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, salientou esta mañá que a aprobación do novo protocolo de pesca con Groenlandia “consolida” as posibilidades de pesca da frota bacallaeira española no Ártico, unha “boa noticia” dado que achega “seguridade e certeza” á frota cando máis o precisa.
Así o asegurou o eurodeputado galego trala ratificación polo pleno do Parlamento Europeo do novo protocolo, do que foi relator polo Grupo Socialista e quen visitará en setembro Groenlandia no marco dunha misión da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo. O novo protocolo, que estará vixente ata 2030, beneficia indirectamente á frota bacallaeira española, dado que parte das posibilidades de pesca do mesmo se destinan a intercambios con Noruega a cambio de bacallau do Ártico, do que si se beneficia España.
Para González Casares, o novo protocolo é un exemplo de sostibilidade ao aliñarse coas “mellores prácticas” á hora de fixar as posibilidades de pesca, dado que estas se determinan de acordo ás reunións do comité conxunto partindo das recomendacións de ICES e dos comités científicos de NAFO.
Para o eurodeputado galego, a renovación do protocolo chega, ademais, nun momento clave debido ás tensións desatadas pola administración Trump, o que serve para fortalecer as relacións da Unión Europea e Groenlandia. “Este acordo serve para demostrar, unha vez máis, como entende a Unión Europea as relacións co resto do mundo: como relacións de colaboración e de cooperación, mutuamente beneficiosas para ambas partes”, concluíu.

