González Casares, en Compostela: “O Erasmus é unha poderosísima ferramenta de construción europea”

O eurodeputado Nicolás González Casares participou no congreso Ano Europeo da Xuventude 2022, organizado por ESN Santiago de Compostela esta mañá no Pazo de Fonseca

O 2022 foi designado como o Ano Europeo da Xuventude co propósito de poñer o foco sobre o importante que é a mocidade europea na construción dun futuro mellor, que avogue pola ecoloxía, a inclusión e se apoie no impulso do dixital. A asociación Erasmus Student Network (ESN) Santiago de Compostela organizou esta mañá no Pazo de Fonseca un congreso no que dar a coñecer á xuventude universitaria galega as iniciativas desenvolvidas pola Unión Europea no ámbito desas tres máximas: o inclusivo, o sostible e o dixital.

O europarlamentario socialista Nicolás González Casares participou neste encontro xunto a diversos actores locais, rexionais, nacionais e comunitarios, compartindo a mesa de debate Xuventude e institucións europeas con Ana Miranda, representante do BNG no Parlamento Europeo, e Alberto Escobar, xefe de gabinete do eurodeputado popular Francisco Millán Mon.

González Casares comezou a súa intervención reivindicando “os valores da liberdade, a paz e a democracia fronte ao populismo que se quere apoderar das institucións e converter as democracias libres en non liberais”. En base a estes principios, “serios e infinitos”, chamou a “construír espazos para a xuventude”.

Nese exercicio de tender pontes, definiu o programa Erasmus como “unha poderosísima ferramenta de construción europea, unha fábrica de europeístas” ao que xa levan sumado máis de 10 millóns de estudantes. Destacou como a normativa común europea facilitou a mobilidade de estudantes entre os Estados membro e axudou á súa empregabilidade no estranxeiro. Empregos que deben de obedecer, en palabras de Nicolás González, “a unha decisión libre e non porque no meu país non atope oportunidades”. O europarlamentario recoñeceu tamén que os programas europeos e as políticas da Administración deben ampliar os seus esforzos en dar resposta á problemática das persoas con deficiencias formativas para atopar emprego. Nesta liña, quixo lembrar o traballo que se está a facer para reducir o paro xuvenil.

González Casares recolleu as inquedanzas e demandas do estudantado, consciente do valor que ten a súa voz para a Unión Europea, de cara a garantir un presente e un futuro no que a xuventude europea teña un papel protagonista.

O congreso Ano Europeo da Xuventude 2022 celebrouse uns días antes de que se me conmemore o Día de Europa, o vindeiro 9 de maio.