O eurodeputado socialista avogou por reforzar as interconexións de enerxía que están "moi por debaixo dos obxectivos marcados"
A problemática da enerxía volveuse abordar na sesión plenaria do Parlamento Europeo deste mércores. Ante a proposta da Comisión Europea de fixar un tope ao prezo do gas en 275 euros por megawatt hora para situacións de emerxencia, o eurodeputado Nicolás González Casares non dubidou en pedir que se mellore. Para o socialista, a proposta "non ten a máis mínima ambición, non é realista, nin vai servir para nada" e lembrou que "é a cidadanía a que está a sufrir os altos prezos das facturas".
O parlamentario, membro da Comisión de Industria e Enerxía (ITRE), avogou por reforzar as interconexións de enerxía, que están "moi por debaixo dos obxectivos marcados e iso fai moi difícil compartir os beneficios das renovables en prezo e descarbonización". O eurodeputado referiuse á "excepción ibérica", que permitiu a España e Portugal estar protexidos fronte á crise, pero engadiu "prefeririamos non ser unha illa enerxética". Neste sentido, puxo como exemplo o acordo sobre o BarMar que pretende trasladar hidróxeno verde desde a Península Ibérica ao resto de Europa, cualificándoo de "paso adiante".