O eurodeputado galego chama a manter a unidade sen fisuras na negociación parlamentaria do novo Marco Financeiro Plurianual
O socialista defende a importancia da pesca e a necesidade de máis autonomía para Galicia na xestión dos fondos europeos
O eurodeputado galego Nicolás González Casares participou hoxe no encontro “Marco Financeiro Plurianual 2028-2034. Unha visión española”, organizado polo Comité Europeo das Rexións, no que representantes socialistas defenderon un orzamento comunitario que responda aos grandes desafíos sociais, territoriais e climáticos da próxima década.
Durante o evento, celebrado tras a aprobación da Declaración Galicia, que recolle a posición das comunidades autónomas e entidades locais españolas fronte ao novo Marco Financeiro Plurianual (MFP).
Durante a súa intervención, González Casares puxo o foco na necesidade de garantir que o futuro marco orzamentario non implique recortes nas políticas fundamentais para o emprego, o rural, os servizos públicos ou a agricultura.
“Os socialista galegos defendemos un orzamento plurianual europeo que tamén poida ser xestionado desde Galicia, fronte á proposta do Partido Popular Europeo na Comisión Europea”, afirmou o eurodeputado do PSdeG-PSOE.
Na mesma liña, Casares defendeu que “non podemos tolerar recortes en políticas como a pesqueira especialmente en Galicia, onde a pesca é clave para a economía e o equilibrio social e territorial”.
Así mesmo, Casares apelou a perseverar a unidade manifestada durante a reunión e a mantela sen fisuras no proceso parlamentario, garantindo que a voz de Galicia non quede diluída no debate europeo.
Xunto a Nicolás González Casares, participaron tamén na sesión os eurodeputados socialistas Cristina Maestre, Juan Fernando López Aguilar, Marcos Ros, Sandra Gómez e José Cepeda. Todos eles puxeron en valor este espazo de diálogo coas comunidades autónomas e coas entidades locais, nun momento clave para definir as prioridades da UE nos vindeiros anos: cohesión, igualdade, sustentabilidade e emprego de calidade.
No encontro tamén estiveron presentes María Chivite, presidenta da Comunidade Foral de Navarra; Emiliano García-Page, presidente de Castela-A Mancha; e Jaume Duch, conseller d’Unió Europea i Acció Exterior da Generalitat de Catalunya.

