Os premios ‘Enerxéticos 2023’ están organizados polo Cluster de Enerxías Renovables de Galicia e a revista especializada Dínamo Técnica
O sector enerxético galego reuniuse este venres en Vigo no xantar benéfico ‘Enerxéticos 2023’. Un evento, organizado polo Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal) e a revista galega de enerxía Dínamo Técnica, co que se recoñece a contribución de nove profesionais do sector ao desenvolvemento e difusión das enerxías renovables e a sustentabilidade enerxética. O eurodeputado Nicolás González Casares, relator socialista da Revisión da Directiva de Renovables, foi destacado como un dos ‘Enerxéticos’ do ano.
Este ano, o xantar foi en apoio aos nenos e nenas pacientes de Oncoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro a través dunha doazón á Asociación Bicos de Papel. A entidade, creada por un grupo de familias que pasaran ou estaban a pasar pola experiencia de ter un fillo/a con cancro, busca promover melloras na atención e apoiar a outras familias. A pasada edición, celebrada en Santiago, foi a favor da cidadanía ucraína en colaboración con Cruz Vermella.
Completan a lista dos ‘Enerxéticos de 2023’: Juan Ignacio Rodríguez, director de Enerxía do Inega (Instituto Enerxético de Galicia); Elena Alonso, directora da Escola de Enerxía e Minas da Universidade de Vigo; Silvia Fernández, project manager de Eurofred; Marcelino Otero, coordinador do Foro de Enerxía e Medio do Círculo de Empresarios de Galicia; Zeltia Lago, directora xeral de Formación para o emprego e orientación da Xunta de Galicia; Fernando Val, director do centro tecnolóxico EnergyLab; Sonia Pazos, relacións intergobernamentais no International Iberian Nanotechnology Laboratory; e Julio Pérez, xefe de Economía de Faro de Vigo.