A Comisión Europea responde á pregunta do eurodeputado que os proxectos financiados con cargo ao MRR deben basearse no seu rendemento
A Xunta deberá acreditar que o proxecto realmente cumpre cos obxectivos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia
O socialista Nicolás González Casares referiuse á resposta que a Comisión Europea publicou á pregunta realizada polo eurodeputado sobre a senda ciclista que transcorre polo Banquete de Conxo: “A Comisión non garante o financiamento definitivo dun proxecto vinculado ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia que non cumpra cos obxectivos de rendemento”.
Sobre o proxecto, o eurodeputado galego explicou que “hai que ter en conta a este respecto que falamos dunha senda indirecta que non é útil para a mobilidade, senón que se está creando unha senda de paseo con fondos que deberían ter un impacto na mobilidade real do noso territorio”.
Expuxo, ademais, o absurdo e o risco que supón que este proxecto estea a realizarse en detrimento do traballo previo doutra Administración; o Concello, que utilizou fondos europeos para restaurar a contorna natural de acordo con outra das liñas de acción do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Casares critica que “coa actuación que levou adiante a Xunta quedamos sen mellora da mobilidade, sen mellora do medio ambiente e co risco de perder os fondos pola maneira na que se executou”, e engade “non é por iso estraño que se vira unha ampla oposición veciñal a este proxecto, sobre o que a Fiscalía Europea abriu dilixencias precisamente pola posible incompatibilidade dos proxectos; e do cal a asociación veciñal sinalou os menoscabos de carácter ambiental e patrimonial que se producen coa súa execución; cousa que podería provocar tamén a perda dos fondos como consecuencia do incumprimento do principio de non facer un dano significativo ao medio ambiente”.
Sobre o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, destacou o traballo do goberno de España: “Fixo un labor encomiable para defender a necesidade de investimentos para abordar os retos do futuro, e o resultado foi a posta a disposición duns recursos valiosísimos para mellorar a nosa mobilidade e calidade ambiental; e a cidadanía galega merécese unha planificación e execución máis sensata dos proxectos que a que se ve nesta senda”.

