O eurodeputado socialista Nicolás González Casares manifestou que o acordo sobre as cotas de pesca para 2025 alcanzado esta noite “corrixe en boa medida” as lesivas propostas da Comisión e permitirá dar certeza ao sector pesqueiro español. “O Goberno de España, tras intensas e complicadas negociacións, logrou corrixir a proposta da Comisión e asegurar cotas suficientes para o sector pesqueiro no Atlántico e o Mediterráneo”.
Tras destacar o labor realizado polo ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, e o seu equipo, González Casares indicou que se conseguiron bos resultados respecto ao Atlántico, con incrementos en galo sur, rape sur ou lagostino. E incidiu na importancia de manter a cota en pescada sur, crucial pola súa valoración por parte do consumidor, todo o cal permite dar estabilidade ás frotas do Cantábrico Noroeste e o Golfo de Cádiz. Ademais, remarcou o incremento das posibilidades de pesca de bacallau en augas de Noruega, o cal beneficia especialmente á frota galega.
Así mesmo, incidiu na importancia de lograr reducir o recorte proposto polo ICES para a pescada norte no acordo con Reino Unido, o cal beneficiará especialmente á frota galega e vasca; así como no impacto positivo para as frotas do Cantábrico Noroeste, especialmente de cerco e arrastre, das case 6.800 toneladas logradas de xurelo.
O eurodeputado socialista tamén subliñou a importancia do acordo logrado polo Goberno de España para garantir a viabilidade da frota do Mediterráneo. Tal e como sinalou, España conseguiu “neutralizar” a proposta orixinal da Comisión, que conducía ao peche da frota. “Grazas á pericia negociadora, á capacidade para tecer acordos e á presión negociadora, o Goberno de España logrou reverter a proposta da Comisión e, con medidas técnicas e de selectividade, a frota poderá seguir dispoñendo case do mesmo número de días de traballo que este ano”.
“A Comisión ten que cambiar de actitude. O novo comisario debe honrar os seus compromisos e dar un xiro ao enfoque seguido ata o de agora na fixación de posibilidades de pesca. Hai que recoñecer os esforzos realizados polos profesionais e premialos, traballar con eles para garantir unha pesca cada vez máis sostible e, á vez, comunidades costeiras vibrantes e con futuro”, dixo González Casares.