O eurodeputado galego Nicolás González Casares critica que a proposta da Comisión “afasta a produción europea e é un agasallo para China”
Os socialistas españois no Parlamento Europeo consideran que a proposta da Comisión Europea para revisar os estándares de emisións de coches e furgonetas é “un grave erro en termos industriais e climáticos”. “Non teño ningunha dúbida de que despois de 2035, os coches que se vendan na UE serán eléctricos. A cuestión é se se fabricarán en Europa ou fóra. A proposta da Comisión afasta a produción europea e é, de facto, un agasallo para China”, dixo o eurodeputado Nicolás González Casares, membro da Comisión de Industria da Eurocámara.
González Casares sinalou que diluír o obxectivo de vehículos de cero emisións en 2035 “xera incerteza, frea investimentos e pon en risco empregos nun momento no que Europa necesita sinais claros”. O eurodeputado referiuse á necesidade de manter un marco regulatorio estable, porque “cambiar as regras á metade do partido é a peor resposta posible, e penaliza a quen si confiaron no marco vixente: empresas que investiron, innovaron e planificaron o automóbil do futuro eléctrico e conectado”.
Casares tamén defendeu manter o horizonte de 2035 como sinal claro do compromiso europeo coa transición climática e a modernización industrial, pois o cuestionamento de obxectivos só debilitaría a nosa industria.
Nesta liña, reclamou unha resposta europea ambiciosa en termos industriais, que aposte pola construción de toda a cadea de valor das baterías, a redución de dependencias externas e o establecemento de condicións claras ao investimento estranxeiro que garanticen unha transferencia tecnolóxica e emprego de calidade. Así mesmo, dixo que para que a transición funcione, son necesarias axudas ao vehículo eléctrico e un gran despregamento de infraestrutura de recarga.
O eurodeputado acusou á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen de “claudicar ante as presións dos gobernos conservadores, do Partido Popular Europeo e dos lobbies e está a desmantelar no seu segundo mandato todo o que ela mesma impulsou no primeiro”.
González Casares destacou que “algunhas flexibilidades propostas como os combustibles sintéticos ou biocombustibles non son unha solución, e poden poñer en perigo á industria da automoción galega”. O eurodeputado apuntou que estas non son “tecnoloxías alcanzables ou suficientes, senón caras e limitadas polo que deberían reservarse para sectores realmente difíciles de electrificar”, como a aviación e o transporte marítimo.

