O eurodeputado socialista comprométese a reforzar a normativa europea para garantir unha maior protección dos ecosistemas costeiros
O eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, reforza o seu compromiso coa loita contra a contaminación mariña a través dunha nova colaboración con Mar de Fábula, organización dedicada á protección do litoral galego. Durante a visita á súa sede en Camelle, González Casares reuniuse co seu responsable, Xosé Manuel Barros, así como coa alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.
O encontro permitiu abordar a problemática do control das augas residuais no tráfico mariño, un dos principais retos ambientais que afectan ás costas galegas. Nesta liña, o eurodeputado comprometeuse a impulsar accións que reforcen a normativa europea, esixindo medidas máis estritas para o control das descargas das augas negras dos buques de carga e dos cruceiros. A pesar de que existen directrices europeas en vigor, a súa implementación segue presentando importantes lagoas, permitindo que estas descargas continúen afectando aos ecosistemas mariños.
O corredor marítimo de Fisterra, polo que transitan miles de barcos cada ano, representa outro dos puntos críticos en termos de risco ambiental. “Se non se implementan medidas de control e regulación máis estritas, este intensivo tráfico podería constituír unha fonte significativa de contaminación para as rías e demais espazos naturais da zona”, alertou o eurodeputado.
Tras coñecer en profundidade o traballo de Mar de Fábula, Nicolás González Casares destacou a importancia de entidades como esta na denuncia e concienciación sobre a crise ambiental mariña. “O seu labor é fundamental para comprender as carencias da lexislación actual e avanzar cara a unha protección efectiva do noso medio mariño”, sinalou.
A través desta colaboración, González Casares reafirma o seu compromiso coas políticas que garantan un control máis rigoroso da contaminación mariña, asegurando un futuro sostible para os ecosistemas costeiros.