Incide en que o PP non apoiou o regulamento comunitario que permite que as axudas da PAC cheguen aos gandeiros galegos
O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, denunciou hoxe as “pobres” e reiterativas propostas do Partido Popular e dos seus representantes na Eurocámara, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez, para a gandería galega, centradas unicamente na eliminación da protección dos lobos. “Non teñen absolutamente ningunha outra proposta, máis que matar animais que son mostra da riqueza e a biodiversidade do noso país”, criticou.
González Casares remarcou que as solucións para a convivencia das actividades agrarias e o lobo non pasan polo seu exterminio, como pretende o PP. “Desde logo, as axudas da Política Agraria Común (PAC) que están chegando aos galegos e galegas por decenas de millóns, en concreto nestes días estanse repartindo 99 M entre os agricultores galegos, son as solucións que puxemos os socialistas enriba da mesa. Unha PAC xusta, que pensa nos pequenos agricultores e gandeiros, e que está permitindo que moitas ganderías, incluídas as de quen agora a critica, se beneficien cada ano destas subvencións”, destacou o eurodeputado socialista, quen incidiu en que o PP non apoiou o regulamento comunitario que permite, precisamente, que esas axudas cheguen aos profesionais do sector.
Por todo iso, González Casares instou aos representantes do PP a presentar propostas construtivas en Bruxelas, en vez de limitarse a lanzar “queixas sen fundamento” e propor “solucións simplistas” baseadas unicamente na eliminación da fauna. Ademais, recomendoulles visitar Galicia para coñecer de primeira man a riqueza e biodiversidade do seu territorio. “Convídovos a que me acompañedes a ver lobos e a gozar da biodiversidade de Galicia, que estou seguro descoñecedes, como demostran as declaracións cheas de ignorancia que realizastes”, concluíu.