Apróbase a normativa de salarios mínimos “adecuados”, a directiva que impulse consellos de administración máis paritarios e unha resolución en defensa do dereito ao aborto
“As galegas e galegos deben saber que a UE sempre protexerá os seus dereitos”, asegura o eurodeputado Nicolás González Casares
O Parlamento Europeo e o Consello da Unión Europea lograron esta semana unha batería de pactos que supoñen un avance e un reforzo en materia de igualdade social e de xénero na UE. O martes, pechábanse dous acordos políticos provisionais sobre dúas cuestións chave: a normativa de salarios mínimos “adecuados” na UE e a directiva que promove unha representación de xénero máis paritaria nos consellos de administración das empresas que cotizan en bolsa.
O primeiro deles chega despois de oito roldas negociadoras desde que Nicolas Schmit, eurodeputado do Grupo S&D, presentara a proposta de salarios mínimos en outubro do 2020. Este acordo supón asegurar salarios mínimos dignos en toda a Unión Europea e para iso apóiase en dous piares. Por unha banda, establecerase un estándar con criterios claros para fixar os salarios mínimos, tales como o custe da vida, a taxa de crecemento ou a estrutura salarial de cada Estado membro. Os países tamén deberán actualizalos, polo menos, cada dous anos ou como máximo cada catro se utilizan un mecanismo de indexación automática. Como segundo piar, sitúase a promoción e reforzo da negociación colectiva na fixación dos salarios. Prevese que se a taxa de cobertura da negociación colectiva é inferior ao 80% nun Estado membro, requirirase dun Plan de Acción Nacional para aumentar o número de traballadores protexidos. Contémplase, ademais, o fortalecemento e protección de traballadores e representantes sindicais como interlocutores sociais.
No tocante á presenza de mulleres nos consellos de administración das empresas que cotizan en bolsa, acordouse que o 40% dos postos de conselleiros non executivos ou o 33% de todos os postos directivos estean ocupados polo sexo infrarrepresentado, neste caso as mulleres. As empresas teñen ata o 30 de xuño de 2026 para cumprir este obxectivo que chega despois de dez anos de negociacións. Os dous acordos serán ratificados pola cámara nas vindeiras semanas e, unha vez entren en vigor, os Estados membro terán un prazo de ata dous anos para incorporar estas modificacións á lexislación nacional.
Coa mirada posta na igualdade de xénero, o Parlamento Europeo aprobaba na sesión plenaria do xoves unha resolución, cos votos en contra da ultradereita e parte da dereita, na que se lle lembra ao Tribunal Supremo dos Estados Unidos, que debe respectar a sentenza do caso Roe contra Wade (1973) que outorga protección constitucional ao dereito ao aborto no país. Baixo o lema “Let's make abortion legal, safe and accesible” (“Fagamos o aborto legal, seguro e accesible), as eurodeputadas e eurodeputados socialistas volveron a deixar clara a súa defensa dos dereitos reprodutivos e sexuais das mulleres ante a ameaza que representa a posible anulación da sentenza para todas mulleres do mundo. “Grazas ao apoio e pulo do Parlamento Europeo a axenda da igualdade social e de xénero avanza na UE, pese á intransixencia das forzas reaccionarias. As galegas e galegos deben saber que a Unión Europea sempre protexerá os seus dereitos”, aseguraba o eurodeputado socialista Nicolás González Casares.