Pesca de fondo: unha proposta equivocada

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO EN La Voz de Galicia O 9 DE XULLO. AQUÍ PODES LELO

Galicia é a primeira rexión pesqueira europea. Pero a importancia da pesca transcende o seu impacto económico como actividade clave para o desenvolvemento do país: constitúe tamén un elemento da nosa identidade. E, como probou a crise da covid-19, un piar esencial para garantir a soberanía alimentaria.

Tal e como establece o artigo 2 do regulamento sobre a Política Pesqueira Común, o obxectivo desta é garantir que as actividades pesqueiras sexan sustentables ambientalmente, ao tempo que xeran beneficios económicos, sociais e de emprego. Sustentabilidade ambiental, económica, social e laboral. Esa é a pesca, e a política pesqueira, que defendemos en Europa os socialistas, a que debera defender a Comisión como garante dos tratados.

O sector pesqueiro galego, como punta de lanza do europeo, é o sector máis regulado do mundo, o que cumpre os máis altos estándares ambientais. O mellor exemplo da sustentabilidade do sector, dos esforzos realizados ao longo das últimas décadas, é que a práctica totalidade das capturas realizadas no Atlántico están dentro do rendemento máximo sostible e os niveis de biomasa están en máximos, un 50 % por enriba de hai 15 anos.

Esta é a demostración de que a nosa flota practica unha pesca responsable, base dun sector vital para amplas zonas do país e para a nosa economía.

Por iso, non podemos respaldar a proposta da Comisión para pechar case un cento de áreas á pesca de fondo. Se algo está a demostrar o sector é responsabilidade. Lamentablemente, non é o caso da Comisión con esta proposta.

Non o é porque non se pode aplicar un único criterio a zonas completamente distintas nas súas características; porque se deben ter en conta medidas e peches xa existentes en determinadas áreas, os efectos cruzados e multiplicadores dos mesmos; porque se debe ter en conta a intensidade da actividade pesqueira en cada área específica; porque se debe diferenciar por artes de pesca; e porque se debe consultar ao sector pesqueiro, que é o que mellor coñece o mar e que é o máis interesado en mellorar o estado ecolóxico do mesmo para que o pesqueiro siga a ser un sector de presente e de futuro, capaz de seguir poñendo nas nosas despensas produtos de máxima calidade e mínima pegada de carbono.

Desde o PSdeG-PSOE e o Goberno socialista de España seguiremos traballando para defender o noso sector pesqueiro, o máis sostible do mundo, dunha proposta lesiva. O mar de Galicia ben o merece.