O mecanismo de axuste en fronteira supón unha "salvagarda para o emprego e a actividade económica da industria do país"
A pasada semana, o Parlamento e o Consello europeos chegaron a un acordo en trílogos sobre tres propostas clave para o cumprimento dos obxectivos de redución de emisións para 2030: a reforma do sistema de comercio de emisións (ETS), o mecanismo de axuste de carbono en fronteira (CBAM) e o Fondo Social Europeo. Para o eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, trátase dun "avance sen precedentes" que permitirá que a industria galega "compita en igualdade de condicións coa industria de terceiros países".
O 12 de decembro pechouse o acordo sobre o CBAM, unha iniciativa pioneira destinada a promover unha competencia en igualdade de condicións entre os produtos europeos e os importados de terceiros países con lexislacións ambientais menos estritas. A partir da súa entrada en vigor, o CBAM equilibrará o coste do CO2 entre produtos manufacturados na Unión e produtos importados, de maneira que os importadores da UE deberán mercar certificados de carbono correspondentes ao prezo do carbono que se tería pagado se as mercadorías se tiveran producido cumprindo as normas de fixación de prezos do carbono da UE.
O novo instrumento cubrirá os sectores do aluminio, o aceiro, os fertilizantes, a electricidade, o cemento e o hidróxeno, así como varios precursores destes sectores a partir da entrada en vigor. Para Casares, este mecanismo "vai beneficiar a industria galegas como Alcoa, ao facer competitivo o alumino producido na nosa terra, ao evitar a competencia desleal de terceiros países, pero tamén ao resto de sectores cubertos, dado que o CO2 deixará de ser un elemento diferencial no prezo". "Este instrumento é beneficioso para as cementeiras en Galicia e outras siderúrxicas, aínda que non cabe dúbida de que seguirán tendo que facer esforzos na súa descarbonización, pero o acordo acadado supón unha salvagarda para o emprego e a actividade económica da industria do país, que poderá afrontar a transición ecolóxica con garantías", engade.
Reforma do ETS
Igualmente, o pasado sábado pechábase o acordo sobre a reforma do ETS, co que está vinculado o CBAM, dado que a entrada en vigor deste último implicará unha redución paulatina dos dereitos de emisión gratuítos dos sectores cubertos. Entre as medidas incluídas na revisión, González Casares resalta a obriga, a partires de 2024, para todos os Estados membros de medir, notificar e verificar as emisións das instalacións de incineración de residuos municipais, como Sogama. "A Comisión deberá presentar un informe antes do 31 de xaneiro de 2026 co obxectivo de incluír instalacións como a de Sogama no ETS antes de 2028. Sen dúbida, unha boa noticia para a protección ambiental e que pon o foco en proxectos non sostibles como o da Xunta, un incentivo máis para impulsar un modelo alternativo que aposte pola reciclaxe e a reutilización", conclúe Casares.