“Os fondos Next Generation son unha oportunidade única para avanzar na modernización da estrutura produtiva de Lalín”

O eurodeputado, xunto a Alba Forno e Román Santalla, debullou as liñas de axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Forno destacou as inversións millonarias que a Unión Europea leva feito en Lalín desde o anterior Goberno e Santalla denunciou a pasividade e a pouca ambición das autoridades locais ante estes fondos

Este venres o eurodeputado socialista Nicolás González Casares reuniuse co empresariado e a veciñanza de Lalín para achegarlles o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A estratexia, deseñada polo Goberno para canalizar os fondos europeos destinados a reparar os danos provocados pola crise da COVID-19, artéllase sobre dous eixos fundamentais: a transición ecolóxica e dixital.

Xunto a Alba Forno e Román Santalla, secretaria xeral e portavoz do PSOE de Lalín, González Casares subliñou a oportunidade única que representa este plan “para avanzar na modernización da nosa estrutura produtiva”. O europarlamentario chamou á proactividade do tecido emprendedor no deseño de proxectos que poidan beneficiarse destas axudas, que supoñen “unha panca para Lalín e a súa comarca” nun contexto complexo que pide un futuro de reformas. Cambios que debemos aplicar ao modelo enerxético actual, no que estamos a comprobar a importancia que cobra o aforro e a produción de enerxía renovable e de proximidade.

“Estas transformacións supoñen un salto adiante en competitividade, pero hai que ser ousados. Lalín conta cun bo polígono industrial, con moitos terreos públicos que poderían acoller unha comunidade enerxética que lle dera aos nosos empresarios unha perspectiva de custos alcanzables e constantes no medio e longo prazo”, explicaba Nicolás Casares, ao que tamén lle gustaría “ver ás nosas cooperativas agroalimentarias subirse a ese carro da transformación a través do PERTE da Agricultura“.

A esta aposta pola autonomía enerxética tamén se poden sumar os cidadáns e cidadás a través destes fondos e que se traducirían nunha mellora da eficiencia enerxética nas súas vivendas.

O outro piar no que se apoian os Next Generation é a dixitalización. A través do Programa Kit Dixital, dirixido a empresas de entre 10 e 49 empregados, os negocios poden mellorar ou ampliar o seu nivel de dixitalización con servizos como a creación de páxinas web, a ciberseguridade ou o comercio electrónico, que lles permitan optimizar a xestión e o custo ao tempo que sitúan o seu negocio no mundo dixital.

Respecto ao impacto que tiveron e teñen os fondos europeos na transformación de Lalín, Forno quixo lembrar os millóns de euros que leva invertido a Unión Europea no concello desde o anterior Goberno mediante os Fondos DUSI en proxectos como o Cinto Verde, a mellora das rúas Joaquín Loriga e Principal, a rehabilitación do conxunto histórico de Lalín de Arriba, de Donramiro ou da rúa Manuel Rivero e das antigas vivendas de profesores para fins sociais e que a día de hoxe permitirán o acollemento de persoas refuxiadas en condicións dignas. A secretaria xeral municipal do PSOE salientou que os investimentos continúan a realizarse a día de hoxe e puxo como exemplo o Centro Integrado de Saúde (CIS), que está a construírse integramente con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Pola súa banda, Santalla tamén catalogou a esta estratexia de “oportunidade histórica” e denunciou a “pasividade das nosas autoridades locais á hora, non só de informar, senón tamén de ser ambiciosos” ante este plan. “Ou avanzamos por esa liña ou perdermos o carro. Como gandeiro sei ben que Europa ás veces esixe demasiado, pero tamén dá e hai que aproveitar as oportunidades”, insistiu.

Os asistentes puideron trasladar as súas dúbidas sobre os Next Generation e tamén as súas demandas en materia de política comunitaria.

Xornada sobre os Next Generation en Lalín
Xornada sobre os Next Generation en Lalín

Artículos relacionados

Unha Galicia forte en Europa

Unha Galicia forte en Europa

Besteiro defende que o PSdeG-PSOE desde o Goberno da Xunta vai estar enganchado a Europa e esa relación coas...

A aposta verde é vermella

A aposta verde é vermella

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO EN Praza Pública O 9 DE FEBREIRO. AQUÍ PODES LELO Na Ría do Burgo, na área metropolitana da...

Galicia persigue la primavera

Galicia persigue la primavera

ESTE ARTÍCULO FUE PUBLICADO EN infoLibre El 8 DE FEBRERO. AQUÍ PUEDES LEERLO Cuando Feijóo ordenó a Rueda convocar las...