O Pleno do Parlamento Europeo deste xoves acolleu un debate sobre a enfermidade renal crónica con motivo do Día Mundial do Ril
“A maioría dos pacientes con enfermidade renal crónica descoñecen a súa enfermidade debido á falta de diagnóstico precoz, as opcións de tratamento non están dispoñibles para todos os pacientes europeos e a investigación de novas terapias quedouse atrás en Europa”, apuntaba o eurodeputado socialista Nicolás González Casares durante o debate respecto á enfermidade renal crónica (ERC) no Pleno do Parlamento Europeo deste xoves.
No Día Mundial do Ril, que este ano se conmemora baixo o lema ‘Saúde renal para todos – Superando as deficiencias de información para mellorar a saúde renal’, o europarlamentario salientou que “entre 75 e 100 millóns de europeos sofren de enfermidade renal crónica e as predicións mostran que se converterá na quinta causa de morte a nivel mundial en 2040“.
En España, segundo datos recollidos pola Sociedad Española de Nefrología, a enfermidade renal crónica afecta a un 15,1% das persoas adultas, incrementándose nun 30% os pacientes que precisan dun Tratamento Renal Substitutivo (TRS), xa sexa diálise ou transplante, nos últimos dez anos. Persoas que se encontran entre os grupos de maior vulnerabilidade ante a infección por COVID-19.
Ante este crecemento, a aposta pola prevención, o diagnóstico precoz, a cobertura de tratamento e a investigación, para a cal a Comisión Europea leva financiados 40 proxectos con 64 millóns de euros, é fundamental. González Casares alentou a Europa a seguir o modelo da Organización Nacional de Transplantes para derribar as desigualdades que se dan no acceso aos tratamentos e a continuar a fomentar a investigación, prestándolle especial atención ás causas da enfermidade renal crónica.
Cómpre tamén reforzar a toma de conciencia e o coñecemento sobre esta enfermidade na sociedade e nos nosos sistemas sanitarios, para os que supón unha das patoloxías con maior custo, arredor dos 140.000 millóns de euros anuais a nivel europeo.