González Casares pon en valor a liberdade e a democracia no IES Ribadeo co gallo do Día de Europa

April 30, 2022

A rapazada de 1º de Bacharelato puido ampliar os seus coñecementos sobre a realidade europea

Esta venres, o eurodeputado socialista Nicolás González Casares visitou o IES Ribadeo Dionisio Gamallo para compartir unha xornada co alumnado de 1º de Bacharelato na que puideron coñecer o funcionamento do Parlamento Europeo e algúns dos asuntos máis relevantes sobre os que se está a traballar.

Este encontro forma parte das actividades que o IES Ribadeo Dionisio Gamallo, como unha das seis escolas galegas Embaixadoras do Parlamento Europeo, programou para celebrar o Día de Europa. Un programa deseñado por Manel Yáñez Dablanca, coordinador da escola europea no centro e mestre de Filosofía, xunto á vicedirectora do instituto, Ana Mauriz Digón.

Os valores da unidade e a solidariedade foron os primeiros nos que Nicolás González puxo o foco. Co que está a acontecer en Ucraína, ás portas de Europa, o europarlamentario destacou o traballo de figuras como Robert Schuman ou Simone Veil, a prol da liberdade e a democracia. “Tedes na vosa man que máis de 400 millóns de persoas continúen a vivir baixo unhas normas comúns, unidos na diversidade”, afirmou.

Sobre ese compartir no que se asenta o funcionamento diario da Unión Europea, Nicolás González salientou a importancia de tender pontes entre os diversos grupos políticos, da “cultura do diálogo que alí practicamos”. Explicou tamén como é o seu día a día, do que destacou a independencia da que gozan os eurodeputados e a equipa de persoas expertas coa que traballan.

“As políticas europeas son líderes creando dereitos para as persoas”, relataba o europarlamentario ao tempo que poñía de exemplo a normativa en materia medioambiental e enerxía, campo no que ten un gran coñecemento ao ser membro da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía do Parlamento Europeo, de sanidade co acontecido coa COVID-19 ou inmigración.

González Casares estivo acompañado na súa intervención polo director do centro, Modesto Refojo Alvariño, e Manel Yáñez Dablanca. Ao acto acudiu tamén a secretaria xeral do PSOE de Ribadeo, Marta Rey.

O Día de Europa

O Día de Europa conmemora cada 9 de maio a firma da ‘Declaración de Schuman’. Este plan, datado de 1950, puxo as bases dunha nova forma de cooperación política en Europa, considerado o inicio do que é hoxe a Unión Europea.

Artículos relacionados