González Casares participa no lanzamento do informe de obesidade da OMS en Europa

Maio 4, 2022

No marco do Congreso Europeo da Obesidade, a Organización Mundial da Saúde (OMS) presentaba este martes o seu último informe da obesidade en Europa, no que se constata que o 59% dos adultos e o 28% de menores europeos teñen sobrepeso u obesidade.

O eurodeputado Nicolás González Casares participou na presentación deste estudo que urxe medidas para frear o incremento da obesidade, que causa xa ao redor de 1,2 millóns de mortes ao ano en Europa.

“Queda claro que temos un problema notable en Europa, que debe abordarse con políticas decididas tanto a nivel nacional como da UE. Non podemos mirar para outro lado cando se informa claramente que a obesidade pronto superará ao cancro como principal causa de morte nalgúns países”, apuntaba González. Para o europarlamentario a abordaxe da obesidade debe realizarse, como calquera outra patoloxía, “desde unha perspectiva multifactorial”, garantindo o acceso aos tratamentos, impulsando a investigación e innovación e, tendo presente, neste caso, outros aspectos como a estigmatización dos pacientes.

O informe vincula o exceso de peso a un maior risco de padecer diabetes, enfermidades respiratorias e cardiovasculares ou cancro. A pandemia afectou “de forma desproporcionada” ás persoas con obesidade ao provocarlle máis complicacións. Ademais, de que o sedentarismo e o consumo de alimentos pouco saudables aumentaron durante este tempo.

Nesta liña, Nicolás González lembrou os debates do Comité Especial de Loita contra o Cancro (BECA) no Parlamento Europeo para “loitar activamente contra a obesidade, como un factor de risco confirmado para o cancro” que situaban nun lugar central a prevención. Levar unha dieta equilibrada, rica en froitas e verduras, e practicar exercicio físico é fundamental. Ademais, desde o BECA animaron aos Estados membro a incluír na atención primaria programas integrais que acompañen aos pacientes con obesidade na perda de peso de forma saudable e chamaron á Comisión Europea a apoiar “a investigación e a innovación relacionadas coa obesidade para describir a influencia de factores xenéticos, a microbiota humana ou o estado psicolóxico, entre outros, sobre o peso corporal e explorar as intervencións máis eficaces en cada caso”.

Co obxectivo de facer fronte a esta problemática, a OMS propón, entre outras medidas, implementar axudas públicas aos alimentos saudables, aplicar un imposto ás medidas azucradas ou limitar a publicidade dos produtos máis calóricos para nenos.

Artículos relacionados