Boas noticias para España e Galicia: O acordo sobre a Directiva Europea de Enerxías Renovables responde ás súas demandas

O obxectivo de renovables no consumo final da Unión Europea fíxase no 45 % para o 2030

A xestión da prevención de incendios será decisiva para o uso da biomasa

Os combustibles renovables de orixe non biolóxica computarán no obxectivo de renovables do país produtor e consumidor

Moitos e longos diálogos marcaron a Revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables nos últimos meses ata alcanzar un acordo maioritario este mércores. A Comisión de Industria, Investigación e Enerxía votou a favor de elevar do 32% ao 45% o obxectivo de renovables no consumo final da Unión Europea no 2030, en liña ao requirido polo plan REPowerEU. A aposta pola sustentabilidade faise patente nesta reforma que abarca sectores tan importantes como o da calefacción e refrixeración, edificios, industria e transporte.

Os acordos foron apoiados por un bloque de partidos progresistas, entre eles o Grupo da Alianza de Socialistas e Demócratas. “Ademais de incrementar a eficiencia enerxética, a saída á crise climática e enerxética virá por máis enerxías renovables autóctonas”, manifestou o eurodeputado socialista Nicolás González Casares, relator do Grupo S&D na Revisión da Directiva Europea de Enerxías Renovables e da Comisión de Transporte e Enerxía no Parlamento Europeo. Unha Directiva, cuxo labor é a promoción, unicamente, de fontes de enerxía renovables. “Esta Directiva non é o sitio para promocionar outras fontes non renovables”, insistía o europarlamentario.

Este acordo resultará beneficioso para os intereses de España e Galicia. Por unha banda, respecto á biomasa, as instalacións que só produzan electricidade a partir de biomasa non poderán recibir subvencións a partir de 2026 con excepción para as localizadas en rexións de transición xusta e incorporen CCS (captura e almacenamento de carbono) e as que proben que non poden prover tamén calor. Unha medida prioritaria para o estado español dado que moitas plantas de biomasa que dan saída a residuos forestais non teñen demanda de calor. Nesta liña, a aplicación do principio do “uso en fervenza”, que significa que o primeiro uso da biomasa debe ser como material e como enerxía ao final da vida do produto, pasa a ser un acto de implantación no que se ha de ter en conta a xestión da prevención de incendios. Este aspecto xunto á exención da biomasa derivada de traballos de prevención forestal como “biomasa leñosa primaria” son claves para o noso país.

A normativa referida ao hidróxeno verde tamén responde ás prioridades españolas. Polo seu potencial produtor, España beneficiarase de que os combustibles renovables de orixe non biolóxica (RFNBOs), derivados do hidróxeno verde, computen, ademais de para o obxectivo de renovables do país de consumo (o 80 % do seu volume), para o do produtor (o 20 %). Esta medida xunto á ampliación dos obxectivos de hidróxeno na industria e o transporte serán un grande incentivo para a súa produción.

No sector da calefacción e a refrixeración, establécense obxectivos nos niveis requiridos por REPowerEU, refórzanse as medidas contra a pobreza enerxética e permítese que o uso de residuos de calor e frío ata un 20% en edificios contabilicen para o obxectivo de renovables. Co 2030 no horizonte, a Directiva amplía os seus obxectivos en tecnoloxías innovadoras de enerxías renovables ao 5% e en materia de transporte, elévase a meta de redución de emisións do 13 % ao 16 % á vez que se impide que se conten máis biocombustibles de primeira xeración e fréase o uso do aceite de palma e a soia ao incluílos como materia prima de alto ILUC (cambio indirecto do uso da terra). Nesta área, increméntase o subobxectivo de combustibles renovables de orixe non biolóxica (RFNBOs) do 2,6 ao 5,7 % para 2030 e fíxase no 1,2 % para o sector marítimo. O incentivo á electrificación a través da electricidade renovable mantense.

O obxectivo de renovables na industria tamén aumenta de 1,1 pp a 1,9 pp e o do hidróxeno verde mantense ao 50% e inclúese un novo do 70% para o 2035. Ademais, trázase un roteiro para a eliminación os combustibles fósiles nos procesos de baixa temperatura para 2027.

Este acordo sobre a Directiva Europea de Enerxías Renovables, “consegue que as garantías de orixe só se outorguen a fontes renovables e que sexan utilizadas como fontes de información, non como sistema de certificación, xa que carecen da rastrexabilidade necesaria e poderían incorrer en greenwashing ou fraude”, tal e como apunta o eurodeputado González Casares.

Con esta reforma, tamén se ve reforzada a cooperación entre os Estados membros con proxectos cos que impulsar a eólica offshore tendo sempre presentes as actividades preexistentes e o impacto ambiental.

Artículos relacionados