Axilización de trámites, protección ambiental e participación cidadá: claves socialistas para o impulso das renovables

December 14, 2022

O Parlamento Europeo apoia a proposta da Comisión Europea para acelerar os permisos administrativos das renovables

A Eurocámara votou este mércores a favor de simplificar os trámites administrativos para impulsar o despregamento de proxectos de enerxía renovable. A preservación do medio ambiente, o impulso do autoconsumo e a participación cidadá erixíronse como actores clave para os socialistas nesa necesaria aposta polas renovables. “O S&D quere ver máis enerxía renovable a prezos alcanzables para os nosos cidadáns e a nosa economía. Nos tempos turbulentos que vivimos, a dependencia das importacións de terceiros países só pode limitarse se acurtamos considerablemente o tempo que leva aprobar o despregamento dunha infraestrutura de enerxía renovable. Isto será posible a partir de agora grazas ao noso traballo e ás novas normas que aprobamos hoxe”, apunta o eurodeputado Nicolás González Casares, relator do Grupo S&D na revisión da Directiva de enerxías renovables.

Así, no acelerón ás renovables garantirase a protección das zonas incluídas na Rede Natura 2000, a rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade. “A pesar dos votos e as intencións do PP mantense a protección ambiental nas zonas de Rede Natura grazas á firme posición dos socialistas”, engadiu o parlamentario galego.

Os socialistas apoiaron manter uns estándares ambientais que aseguren o coidado do medio natural. Nesta liña, o Parlamento Europeo avaliu a consideración de todos os proxectos de instalación de renovables como “de interese público superior”, fóra daqueles nos que se demostre o seu impacto negativo na contorna. Unha decisión que o eurodeputado socialista sinala de arriscada ante o perigo de caer na “manga ancha”.

Nos aspectos positivos da proposta da Comisión Europea, González Casares sinalou a axilización de instalacións de autoconsumo (poderase dispoñer dos trámites burocráticos nun prazo máximo dun mes), a repotenciación de aeroxeradores e paneis solares, a aprobación de proxectos nun período de 9 a 18 meses, dependendo do tipo de iniciativa, ou a decisión de que as instalacións solares de 50 KW, ou menos, se realicen mediante unha simple notificación.

Respecto á participación social, o socialista dixo sentirse “orgulloso de que a miña emenda sobre participación pública abriuse paso, o cal permitirá que a cidadanía sexa tomada en conta nos procesos de decisión da planificación territorial para a instalación de renovables, a pesar da oposición do PP”.

Tras a votación deste mércores queda pendente a negociación a tres partes entre o Parlamento, o Consello e a Comisión Europea.

Artículos relacionados

Unha Galicia forte en Europa

Unha Galicia forte en Europa

Besteiro defende que o PSdeG-PSOE desde o Goberno da Xunta vai estar enganchado a Europa e esa relación coas...

A aposta verde é vermella

A aposta verde é vermella

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO EN Praza Pública O 9 DE FEBREIRO. AQUÍ PODES LELO Na Ría do Burgo, na área metropolitana da...

Galicia persigue la primavera

Galicia persigue la primavera

ESTE ARTÍCULO FUE PUBLICADO EN infoLibre El 8 DE FEBRERO. AQUÍ PUEDES LEERLO Cuando Feijóo ordenó a Rueda convocar las...