Encrucilladas do hidróxeno renovable en Galicia

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO EN Economía Digital Galicia O 23 DE XANEIRO. AQUÍ PODES LELO

O hidróxeno verde ofrece a Galicia unha oportunidade industrial de futuro pola súa potencialidade renovable, a boa dispoñibilidade de apoio financeiro público e a iniciativa empresarial, aínda que hai dous factores que supoñen encrucilladas de fronte ao futuro: o marco lexislativo europeo e as necesidades de enerxía renovable para descarbonizar a industria.

Os proxectos de hidróxeno agroman en Galicia; sen dúbida a nosa terra ten unha oportunidade industrial de futuro. Hai potencialidade renovable, hai unha boa dispoñibilidade de apoio financeiro público, fundamentalmente europeo e estatal, e temos para este campo iniciativa empresarial, aínda que neste momento hai dous factores que supoñen encrucilladas de fronte ao futuro e aínda non teñen todas as liñas escritas.

A primeira ten que ver cunha cor que neste caso é algo máis: verde. Falamos moito de Hidróxeno verde, pero o marco do que será considerado verde ou non aínda non está escrito, está a debaterse en Bruxelas e, como relator do grupo socialista en renovables, debo dicir que a Comisión Europea leva un ano de atraso e imos tarde en crear un marco lexislativo fiable, o que supón un risco para os investimentos que nos permitan botar a andar a produción nesta década.

Entendemos por verde, o Hidróxeno elaborado a partir de electricidade renovable, pero eses electróns só se producen cando hai auga, vento e sol suficiente. Polo tanto, non toda a electricidade vale, faise necesario controlar a súa orixe temporal e xeográfica. Se ampliamos moito a orixe xeográfica, por exemplo que se acepte electricidade renovable doutros países, probablemente os nosos electróns renovables migrarán para producir Hidróxeno verde en Alemaña.

Se ampliamos moito a orixe temporal, é posible que eses electróns renovables baratos non vaian ao consumo eléctrico común porque serían aproveitados, con outros probablemente non tan verdes, para transformarse en Hidróxeno cun prezo moito máis elevado que a electricidade, polo que será máis rendible para as eléctricas venderlle aos produtores de hidróxeno que a casas ou empresas, encarecendo as nosas facturas, ou sexa, negativo para a cidadanía en xeral, pero tamén negativo para as zonas de Europa con amplo potencial renovable como Galicia, pois esta laxitude beneficia a quen menos renovables ten.

Deste xeito, hai que definir xa un marco equilibrado onde non suceda nin o primeiro nin o segundo, á vez que o corpiño non aperte tanto para que nos permita ir creando un mercado europeo do Hidróxeno.

Por outra banda, sirva esta anécdota como elemento introdutorio a outra das encrucilladas. No mes de maio visitei Islandia, o “paraíso” da electricidade renovable. En España só temos unha fábrica de aluminio primario e agora está parada, Alcoa. En Islandia con medio millón de habitantes teñen tres. Cando preguntei na industria islandesa se non lles interesaría unha interconexión por cable para vender electricidade limpa a Europa, a súa resposta foi inmediata “xa enviamos electricidade en bloques de aluminio verde”. É dicir, tiñan claro que preferían unha industria que crease emprego de calidade a exportar a súa enerxía barata e limpa.

Así, neste espertar do Hidróxeno verde en Europa, en Galicia temos que decidir por que optamos. En primeiro lugar e esencial é sacar os proxectos renovables adiante e con garantías para todas as partes afectadas, algo que a Xunta de Galicia obviou durante anos e agora quere solucionar á carreira. Unha vez haxa suficientes megawatts renovables os primeiros grandes volumes de Hidróxeno verde deberían ser dedicados a descarbonizar procesos industriais intensivos en carbono (siderurgia, petroquímicas, cemento, etc.), pois é o uso máis eficiente en termos enerxéticos, económicos e ambientais. Polo tanto, o máis lóxico nesta primeira andaina é reservar ese vector e reservorio de enerxía para as nosas industrias e para aquelas que poidan vir sentíndose atraídas por uns prezos competitivos.

A petroleira Cepsa acaba de presentar un proxecto en Huelva para que unha gran produción solar renovable se transforme en Hidróxeno verde que, exportada, axude a descarbonizar a industria do porto de Róterdan, é dicir, un gran despregamento renovable en Andalucía para nutrir a industria holandesa.

Galicia agora debe decidir que modelo prefire, que nosas renovables axuden a manter e atraer industria polo menos nesta primeira fase, ou que os electróns limpos que sacamos dos nosos montes, ríos e mar vaian directamente a facer máis sostibles industrias noutros lugares da Península ou de Europa. De entrada e ante a inicial escaseza de Hidróxeno verde, persoalmente optaría pola segunda opción, decantarse pola cadea industrial completa do Hidróxeno verde como vector antes que a parcial baseada na xeración renovable e transformación.

Non deberiamos centrarnos tanto na ausencia inicial de Galicia no primeiro mapa do primeiro hidroducto europeo, que fundamentalmente servirá para exportar a Europa desde o Sur. Cavilemos nas razóns polas que, polo de agora, tampouco están incluídos na primeira columna vertebral de Hidróxeno os polos industriais do Porto e Lisboa, nun país de alto potencial renovable e que vai estar no futuro do Hidróxeno como Portugal.

Polo tanto, sen perder tempo, centrémonos no básico e que non nos distraian con batallas que aparten o foco do verdadeiro obxectivo, toca alimentar os nosos futuros proxectos de hidróxeno pois para iso aínda andamos escasos de suficiente electricidade renovable, combater coa mencionada oportunidade de despregamento desa nova economía industrial que nos axudará a facer fronte a dous dos nosos peores problemas de país como son o declive demográfico e a perda de industria e pensemos na exportación para unha segunda fase xa máis alá de 2030.

Artículos relacionados

Unha Galicia forte en Europa

Unha Galicia forte en Europa

Besteiro defende que o PSdeG-PSOE desde o Goberno da Xunta vai estar enganchado a Europa e esa relación coas...

A aposta verde é vermella

A aposta verde é vermella

ESTE ARTIGO FOI PUBLICADO EN Praza Pública O 9 DE FEBREIRO. AQUÍ PODES LELO Na Ría do Burgo, na área metropolitana da...

Galicia persigue la primavera

Galicia persigue la primavera

ESTE ARTÍCULO FUE PUBLICADO EN infoLibre El 8 DE FEBRERO. AQUÍ PUEDES LEERLO Cuando Feijóo ordenó a Rueda convocar las...