Casares promove en Bruxelas un debate sobre a próxima reforma do mercado eléctrico na UE

March 9, 2023

Ante un concorrido auditorio, analizouse o deseño a curto e longo prazo, o papel dos consumidores ou os beneficios extraordinarios das eléctricas

En vésperas de que cristalice a reforma do sector eléctrico europeo, cómpre construír espazos nos que compartir e achegar posturas antes de que a Comisión Europea publique a súa proposta, parte da cal xa se vai coñecendo. Con este obxectivo, o eurodeputado Nicolás González Casares organizou un debate en Bruxelas no que sentar a personalidades de diverso perfil, desde a academia, a investigación especializada, o sector ou a industria eléctrica ata a Comisión. Unha participación, tanto por parte dos relatores como do público expectante que encheu o auditorio, que Casares agradeceu durante a súa intervención.

Como poñente socialista da Revisión da Directiva de Renovables, Casares destaca o papel da electricidade como “un dos sectores máis accesibles para descarbonizar e integrar as renovables”, co que debe ser competitiva. “Debemos traballar por un deseño de mercado a proba de futuro: para resolver por defecto as situacións expostas por esta crise enerxética, acelerar o despregamento de enerxías renovables e mellorar a nosa competitividade e seguridade enerxética”, expuxo o parlamentario.

Coa vontade de acordar unha reforma que resulte beneficiosa para todos os estados membros e segura para os inversores en tecnoloxías limpas, Albert Riera, asesor do Ministerio para a Transición Ecolóxica español; Georg Zachmann, investigador principal de Bruegel; Michael Villa, director executivo de smartEN; Kristian Ruby, secretario xeral de Eurelectric; Natalia Fabra, profesora do Departamento de Economía da Universidade Carlos III; e Catharina Sikow-Magny, directora de Transición verde e Integración de sistemas enerxéticos na Dirección Xeral de Enerxía da Comisión, debullaron os factores a valorar de cara ao deseño do novo mercado eléctrico europeo.

A continuación recóllese un resumo das intervencións:

  • Catharina Sikow-Magny aposta polo apoio público para impulsar as tecnoloxías renovables e nucleares

A directora de Transición verde e Integración de sistemas enerxéticos na Dirección Xeral de Enerxía da Comisión avoga por promover as enerxías renovables de menor custo ao resultar máis accesibles, ser seguras na súa subministración e axudar á descarbonización. E tamén porque tanto as tecnoloxías renovables como nucleares estean apoiadas publicamente.

Respecto ao funcionamento do mercado eléctrico actual defende que é satisfactorio: “Francia podería asegurarse a subministración polo funcionamento do mercado”. Iso si, cre que o mercado a curto prazo debería complementarse con sinais de prezos a longo prazo e que as facturas deberían depender menos deste. Sobre o mercado de forwards busca que sexan máis líquidos mediante a creación de centros virtuais rexionais.

Sikow-Magny ve necesario protexer e informar mellor aos consumidores, dándolles a coñecer os diferentes contratos que se dan ou a existencia do provedor de último recurso. Aposta porque os consumidores compartan a electricidade localmente. Para a técnica, os provedores terán que reforzar a protección sobre o prezo que ofrecen.

  • Natalia Fabra presenta unha nova proposta de arquitectura do mercado eléctrico

A profesora do Departamento de Economía da Universidade Carlos III mostrouse crítica coa extracción de beneficios das compañías eléctricas e os beneficios extraordinarios que están a xerar coa inflación que iso implica para as familias, as empresas e a economía en xeral. Puxo o foco sobre a falta dunha contratación adecuada a longo prazo nos mercados eléctricos actuais, unha eiva da que habería que ocuparse.

A experta presenta unha nova proposta de arquitectura do mercado eléctrico no que o obxectivo se fixe en lograr o equilibrio entre expoñer ás empresas e aos consumidores aos sinais de prezos a curto prazo e, ao mesmo tempo, reducir o risco dos investimentos a longo prazo de maneira eficiente e equitativa. Para acadar tal propósito, di, o mercado a curto prazo debe funcionar ben (confiando nos que compensan case en tempo real) e os contratos a longo prazo teñen que ser eficientes e equitativos para todos os consumidores.

  • Albert Riera pon o foco na descarbonización, na seguridade de subministración e nos prezos competitivos e estables

O deseño do mercado para o curto prazo débese manter, así o defende o asesor do Ministerio para a Transición Ecolóxica español. Sitúa como piares básicos da reforma a descarbonización, a seguridade de subministración e os prezos competitivos e estables. Ao igual que Natalia Fabra, identifica a falta de contratos a longo prazo como a causa da actual crise de prezos. “O prezo nos mercados almacenistas é moito maior que o custo medio de produción”, apunta.

Coa ollada posta no futuro e ante a ameaza de que problema poida ser que o prezo nos mercados almacenistas sexa menor que o custo medio de produción, lastrando os investimentos, propón que o intradiario siga igual e se fomenten os contratos a longo prazo de enerxía e capacidade.

  • Kristian Ruby critica as propostas baseadas nos Contratos por Diferencias estatais

O secretario xeral de Eurelectric defendeu que as compañías eléctricas non se enriqueceron, comparando a situación cos beneficios acadados polas compañías petroleiras. E mostrouse crítico coas propostas que se basean nos Contratos por Diferencias estatais (poxas) ao resultar complexo o seu deseño para atraer investimentos. Puxo como exemplo poxas que quedaron practicamente desertas.

  • Michael Villa sinala os potenciais beneficios de flexibilizar a demanda

Prezos da enerxía máis baixos, menores custos na produción da electricidade, rebaixa das “verteduras” de enerxías renovables, diminución da capacidade de xeración e das necesidades de investimento na rede son algúns dos beneficios que supoñería a flexibilidade da demandan, segundo o director executivo de smartEN. Quen urxe unha maior resiliencia, accesibilidade e investimentos no sistema eléctrico e alerta do risco de centrarse só na parte subministración, mantendo un sistema centralizado con investimentos varados.

  • Georg Zachmann avoga por non comprometer o actual funcionamento do mercado a curto prazo

Ante as reformas do mercado que se están a levar a cabo de forma paralela (medidas de emerxencia, incentivos de investimento, etc.), o investigador principal de Bruegel alenta a que as implicacións da proposta de reforma se avalíen completamente.

Sobre a reforma para o curto prazo, cre que esta non debería comprometer o actual funcionamento ao poder provocar dilixencias nos investimentos, na capacidade fiscal estatal ou unha posible fragmentación do mercado interior da enerxía.

E para o longo, avoga por unha modificación que acomode o incremento da demanda eléctrica, a baixada dos custos variables (renovables), a descentralización e a dixitalización e o aproveitamento dunha demanda activa (flexibilidade da demanda).

En definitiva un debate de grande interese de camiño á próxima reforma que se presentará o vindeiro día 16 de marzo e da que se están ultimando os detalles por parte da Comisión Europea.

Artículos relacionados